AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESCENARIO, QUE RETOMA A SÚA ACTIVIDADE DESPOIS DE ACOLLER A CINEUROPA, PECHARÁ 2011 COA MOSTRA DE TEATRO INFANTIL DE NADAL

O Salón Teatro ofrecerá ata finais de ano 15 actuacións escénicas e musicais a cargo de 11 formacións artísticas

[17/11/2011] A carteleira do Salón Teatro de Santiago dará cabida ata finais de 2011 a un total de 15 actuacións escénicas e musicais, cifra que inclúe 13 funcións de teatro desenvolvidas por 9 formacións artísticas e 2 concertos inseridos dentro do ciclo "ST Música Presente". O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) retomará cun recital a cargo de Fon Román (o xoves 24 ás 21:00 horas) a súa programación propia, despois de ter dedicado os últimos dez días á exhibición de 26 películas como unha das sedes do Festival Cineuropa.

Fon Román en imaxe promocional

O calendario previsto de funcións inclúe os espectáculos Oiseau Rebelle de Funboa Escénica, La noche de Max Estrella do Centro Andaluz de Teatro en coprodución co CDG ou Cabaré de Caricia y Puntapié da Compañía Gato Negro. O escenario do Salón Teatro acollerá tamén a actuación do trío musical Vaamonde, Lamas & Romero, a posta en escena de Feeling Good a cargo de Os Sigillatos Galaicos, a estrea de O cabaleiro de Olmedo, a nova montaxe da Aulta de Teatro da USC, e unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal.

Citas musicais
Fon Román protagonizará o 24 de novembro ás 21:00 horas o terceiro dos recitais do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente", dirixido preferentemente á difusión de traballos discográficos galegos diante dun público especializado. Nestes tres últimos anos desde Silencio cómodo en un jardín descuidado, o seu debut en solitario co que deixaba atrás a súa etapa como guitarrista de Los Piratas, Román non parou de investigar ata chegar a Entretelas, o seu segundo álbum, resultado da súa prolongada experiencia como músico, compositor, produtor e adaptador. Trátase dunha obra que vai máis alá do estritamente musical, con cancións creadas a partir de retallos, pezas soltas e versos rescatados.

Pola súa banda, o trío que integran Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero pechará o 13 de decembro esta terceira entrega de "ST" cun concerto de presentación do seu segundo disco, que leva por título O Tambor de Prata. A nova proposta componse exclusivamente de temas orixinais dunha formación única na historia da música galega: Os Trintas de Trives. Os tres instrumentistas ofrecerán a súa particular visión cómica e desprexuizada deste cuarteto, que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras e cuxa traxectoria é un cúmulo de singularidades, anécdotas e vangardismo.

Carteleira teatral
A carteleira dedicada ao teatro comezará o 25 de novembro coa representación de Oiseau Rebelle, a cargo de Funboa Escénica, unha compañía de recente creación que nace da man de Cristina Balboa e Paulina Funes, coa intención de crear novas ideas para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas escénicas. Oiseau Rebelle (paxaro rebelde) é un espectáculo de teatro-danza verbal, plástico e sonoro, que dialoga sobre do imaxinario amoroso e "des-amoroso".

Xa en decembro, o Centro Andaluz de Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego ofrecerá catro funcións (os días 1, 2, 3 e 4) da súa nova montaxe, La noche de Max Estrella, estreada o pasado mes de outubro en Sevilla co gallo do 75 aniversario do pasamento de Valle-Inclán. Coa dramaturxia e a dirección escénica de Francisco Ortuño, a montaxe transita por aquelas escenas da obra que inaugurou o esperpento nas que aparece o seu protagonista. O veterano actor Carlos Álvarez-Nóvoa sube en solitario ás táboas para dar vida a este Max Estrella, un poeta cego e fracasado que "conmorrre" nun Madrid absurdo, brillante e famento de principios de mil novecentos.

A continuación, a compañía Gato Negro en coprodución co Centro Dramático de Aragón porá escena os días 15 e 16 Cabaré de Caricia y Puntapié, montaxe galardoada co premio MAX 2009 das artes escénicas ao mellor espectáculo de teatro musical. Trátase dunha viaxe ao París dos anos 40, a Saint Germain des Près e ao Montmartre, ao Jazz e ao Rock´n Roll, ao amor, ao humor e á máis pura esencia do teatro. Baixo a dirección de Alberto Castrillo Ferrer, este cabaré que interpretan Carmen Barrantes e Jorge Usón quere ser unha homenaxe á figura e á intelixencia de Boris Vian.

O día 19 presentarase a peza Feeling Good, a cargo da grupo de teatro universitario Os Sigillatos Galaicos. Daniel Baamonde dirixe esta historia de amor na que se mestura o crime, a prostitución, a Lei Seca, o jazz, a crise económica ou a paixón. Nesta mirada ao xénero negro e policíaco, os personaxes -interpretados por Blanca Tejero, Tomás Ledo, Mikel Díaz, Almudena Bouzón, Juan Carballo e Roberto Casas- esfórzanse por seguir cantando "I’m Feeling Good" nun Chicago sempre nocturno e sedutor. E ao día seguinte, martes 20, a Aula de Teatro da Universidade de Santiago estreará o espectáculo O cabaleiro de Olmedo, a comedia burlesca de Monteser, con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro.

A carteleira de 2011 pecharase coa tradicional Mostra de Teatro Infantil de Nadal, na que se exhibirán do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos producidos en Galicia e especialmente dirixidos ao público familiar.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal