AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CANTANTE, GUITARRISTA E COMPOSITOR VIGUÉS PRESENTARÁ ÁS 21.00 HORAS OS TEMAS DE "ENTRETELAS", O SEU SEGUNDO TRABALLO DISCOGRÁFICO EN SOLITARIO

O pop intimista de Fon Román chega este xoves ao Salón Teatro de Santiago dentro do ciclo de concertos ST Música Presente

[22/11/2011] O cantante, guitarrista e compositor vigués Fon Román actúa este xoves 24, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago para presentar en directo os temas do seu segundo disco en solitario, Entretelas, que o ex compoñente de Los Piratas edita baixo o seu propio selo discográfico, Pequeñas Iluminaciones. O concerto insírese no ciclo "ST Música Presente", que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a promoción das novidades discográficas galegas.

Fon Román

Fon Román publicou Entretelas en febreiro de 2011, tras catro anos de silencio discográfico, mais non de investigación. Concibido como un concepto global, que xunta música e estética, ofrece cancións creadas a partir de retallos, pezas soltas e versos rescatados, que dan como resultado un traballo de pop elegante e intimista cuxas letras e melodías sintetizan gran parte da súa experiencia como músico, compositor, produtor e adaptador. A cargo tamén dos arranxos e da produción (xunto a Suso Sáiz), contou asemade coa masterización de Andy Jackson, de Tube Mastering, nomeado en dúas ocasións aos premios Grammy polo seu traballo con Pink Floyd.

No concerto deste xoves no Salón Teatro, Entretelas presentarase á inversa de como foi creado, destecendo as capas musicais. Tres músicos sobre o escenario -xunto con Fon Román (voz principal, guitarra, teclado), Santi Araújo (guitarra, voces, teclado) e Raúl Quílez (teclado, voces, secuencias)- visten as cancións dun xeito insólito, elaborando melodías, loops de voces e instrumentos, efectos…

Venda de entradas
As entradas para este concerto xa están á venda a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse o mesmo xoves a partir das 19.00 horas.

As composicións e a guitarra de Fon Román foron pezas claves para a evolución do son de Los Piratas e marcaron o repertorio dos seus discos máis reputados: Ultrasónica (2001) e Relax (2003). Logo da disolución da mítica banda viguesa e á parte doutros proxectos, concentrouse na súa propia carreira como compositor e así saíu á rúa o seu disco debut en solitario, Silencio cómodo en un jardín descuidado (2006), un traballo que co seu pop moi persoal, de textos e arranxos coidados, atopou o aplauso do público e da crítica.

Teatro contemporáneo con Funboa Escénica
A programación do Salón Teatro continuará esta semana co espectáculo Oiseau Rebelle, que Funboa Escénica porá en escena o venres 25, ás 20.30 horas. Esta nova compañía galega nace da man de Cristina Balboa e Paulina Funes, coa intención de crear novas ideas para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas escénicas. Oiseau Rebelle (paxaro rebelde) é un espectáculo de teatro-danza verbal, plástico e sonoro, que dialoga sobre do imaxinario amoroso e "des-amoroso".

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal