[19/12/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega puxeron en marcha a sexta edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico coa apertura ata o próximo 15 de xaneiro de 2012 do prazo de recepción de orixinais. O galardón, que conta co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo, continúa así a súa traxectoria a prol da recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva actual.
Único das súas características en Galicia e pioneiro a nivel estatal no fomento da escrita de textos dramáticos para a radio, o Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico está impulsado polo programa do mesmo título, decano da información cultural galega que dirixe Ana Romaní, co obxectivo de incentivar a creación dun corpus dramático propio para este medio. Para os organizadores, non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a escrita de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas.
O premio ten unha dotación total de 6.000 euros, 3.000 para cada unha das dúas modalidades que contempla, que se corresponden coa distinción outorgada pola audiencia e coa ditaminada polo xurado. As obras gañadoras e as finalistas serán dramatizadas e publicadas nun libro-cd.
Proceso de selección
Integrado por profesionais do mundo da escena e por dous representantes do "Diario Cultural", o xurado seleccionará as obras finalistas, que serán interpretadas para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo CDG. As dramatizacións emitiranse en distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada finalmente; e a audiencia votará o texto que recibirá o premio do público.
Tamén está prevista unha gala de entrega de premios para a que se empregará o formato de espazo radioescénico, deseñado como unha emisión especial do programa Diario Cultural na que os actores e actrices interpretarán en directo e diante do público as obras galardoadas.
As bases estipulan que os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático, estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre dez e doce minutos e terán cinco personaxes como máximo. A temática dos argumentos é libre e os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. Tamén especifican que o director ou directora das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.
Palmarés
David Rodríguez foi o gañador da primeira edición do Premio "Diario Cultural" con O Bambam. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio do público. Na segunda edición distinguíronse os títulos O mal da vaca , de Begoña García Ferreira, como premio do xurado; e Saltimbanqui, de Lois Pérez, resultou premiado pola audiencia.
Na terceira edición, os escritores Rubén Ruibal e César Candelas recolleron tanto os galardóns do público coma o do xurado polo texto Peter Buckley; en tanto que na edición de 2010, Vanesa Martínez Sotelo foi galardoada polo xurado co texto Indoor e Begoña García Ferreira polo público con O vento da illa.
Na pasada convocatoria de 2011, audiencia e xurado volveron coincidir no seu ditame ao seleccionar como gañador a José Manuel Pacho Blanco pola peza Paraísos . A dramatización foi dirixida por Ana Vallés, así como a concepción artística do acto de entrega que acolleu o Salón Teatro de Santiago de Compostela o 3 de maio.