AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ÁLVARO GUEVARA, GEMA ULLOA, CARMEN BLANCO E NACHO MARTÍN PROTAGONIZAN ESTE ESPECTÁCULO DIRIXIDO A RAPACES ENTRE 3 E 10 ANOS

A compañía coruñesa Teatro del Andamio abre mañá a carteleira da Mostra Infantil de Nadal coa montaxe "Area e Auga"

[25/12/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle desde mañá luns 26 e ata o venres 30 de decembro a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, no marco da que se exhibirán cinco espectáculos escénicos especialmente dirixidos ao público máis novo. Organizado polo Centro Dramático Galego (CDG), o festival comezará ás 19.00 horas da man da compañía coruñesa Teatro del Andamio, que porá en escena a montaxe Area e Auga, obra galardoada co Premio Fetén 2008 á mellor dramaturxia.

Imaxe de "Area e Auga"

Escrita por Héctor Presa e dirixida por Álvaro Guevara, trátase dunha proposta cómica sobre o valor de vencer o medo ás situacións novas e descoñecidas que enfrontamos a diario. A obra conta a historia de catro persoas que viven a cada lado dunha parede. Séntense felices cada un no seu mundo. Coñecen o que pasa e están afeitos a vivir así. Ata que un día descobren a existencia dos seus veciños e nada vai impedir que cambien o rumbo das súas vidas.

Gema Ulloa, Carmen Blanco, Álvaro Guevara e Nacho Martín protagonizan esta montaxe dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, que reflexiona sobre a falta de comunicación persoal que existe na sociedade.

O cartel da Mostra de Teatro Infantil de Nadal continuará o martes 27 co espectáculo Cinderela Mix de Artello Teatro alla Scala 1:5. A continuación actuarán Teatro do Morcego con O Gato Manchado e a Andoriña Siña (mércores 28), Fantoches Baj con Fábula Galénica (xoves 29) e Teatro do Noroeste con Piratas (venres 30).

As entradas para Area e Auga así como para o resto dos espectáculos, todos eles programados ás 19:00 horas, están á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días da Mostra desde as 17.00 horas. Ademais, poden adquirirse por anticipado na web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira) un bono de seis entradas por 30 euros.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal