AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ROSA HURTADO, SANTIAGO MONTENEGRO E SIMÓN PIÑÓN INTERPRETAN A TRES LIMPADORES ENGAIOLADOS NUNHA HISTORIA QUE OS LEVA A XOGAR, MESTURAR, ENREDAR E COMPARTIR

Artello Teatro presenta con "Cinderella Mix" a súa versión do conto da Cincenta na Mostra de Teatro Infantil de Nadal

[26/12/2011] A Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que organizada polo Centro Dramático Galego (CDG) se desenvolve ata o vindeiro venres 30 no Salón Teatro de Santiago, ofrecerá mañá martes 27 o espectáculo Cinderela Mix, a cargo da compañía viguesa Artello Teatro alla Scala 1:5. Escrita e interpretada por Rosa Hurtado, Simón Piñón e Santiago Montenegro, a montaxe presenta unha nova visión dunha das obras máis versionadas da historia, como é o conto da Cincenta.

Imaxe de "Cinderella Mix" (Foto: Quino Vilas)

Con dirección de escena de Santiago Montenegro e Manuel Pombal, Cinderela Mix amosa as aventuras da pequena farrapeira e das súas malvadas irmás a través das miradas de tres chaíñas, tres limpadores que comezan unha nova xornada de traballo. Estes tres personaxes, que converxen accidentalmente a partir dos pequenos conflitos da súa vida cotiá, vense engaiolados por unha historia que os leva a xogar, a mesturar, a enredar e a compartir.

Coa maior sinxeleza, empregando os seus trebellos de limpar, o propio corpo e as sombras, Chisco, Mucha e Moncho xogan a encarnaren os diferentes personaxes. As súas miradas cheas de ilusión, de tenrura, de poesía, de cor, de música e de humor, estimulan a imaxinación do espectador, conseguindo a complicidade e diversión tanto de cativos como de adultos.

A Mostra de Teatro Infantil de Nadal continúa mañá mércores co espectáculo de Teatro do Morcego O Gato Manchado e a Andoriña Siñá. O ciclo inclúe tamén as propostas dos grupos Fantoches Baj, coa montaxe para monicreques de luva Fábula Galénica (día 29), e Teatro do Noroeste con Piratas (día 30).

Todas as funcións darán comezo ás 19.00 horas. As entradas para Cinderela Mix así como para o resto dos espectáculos están á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto todos os días da Mostra desde as 17.00 horas. Ademais, poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica da web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira) un bono de seis entradas por 30 euros.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal