AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O TEXTO ESCRITO POR INACIO VILARIÑO FOI GALARDOADO EN 2010 CO PREMIO BARRIGA VERDE QUE OUTORGA A AGADIC

Os monicreques de luvas chegan á Mostra de Teatro Infantil de Nadal co espectáculo de Fantoches Baj "Fábula Galénica"

[28/12/2011] A compañía lalinense Fantoches Baj representa mañá xoves 29 ás 19:00 horas no Salón Teatro de Santiago o espectáculo de monicreques de luvas Fábula Galénica, penúltima proposta da Mostra de Teatro Infantil de Nadal que desenvolve o Centro Dramático Galego (CDG). A montaxe foi realizada a partir do texto do mesmo nome co que Inacio Vilariño foi galardoado en 2010 co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques que outorga a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo.

Imaxe do espectáculo

Fábula Galénica rende homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e aos seriais radiofónicos. A obra, onde -di o seu creador- "hai animais que falan como as persoas e persoas que se comportan como animais", conta a historia do rei Don Cardo, que decide construír un novo castelo que está a piques de acabar cos recursos naturais e económicos do lugar. Este feito provocará a reacción dos animais que viven nos seus dominios, como o burro da tía Lola (personaxe inmortalizado polos gaiteiros Os Dezas de Moneixas no pasodobre do mesmo nome) que, coa axuda dos animais e outros seres da fraga, se enfrontará ao rei para recuperar o ecosistema.

Transmisión oral
Estreitamente relacionada coa literatura de transmisión oral, a posta en escena deste texto está baseada na capacidade máxica e fascinadora dos monicreques de luva e pretende realzar o papel protagónico dos animais da fábula tradicional, como son o burro, a raposa e o lobo.

Ao redor dunha radio antiga, nenos e maiores descubrirán unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares. Na montaxe, os animais transmiten valores como o respecto polo ambiente, a amizade e a honradez, fronte a unha sociedade que actúa de xeito egoísta baixo o dominio do consumismo.

Inacio e Luis Iglesias "Luchi" son os manipuladores dos monicreques que foron deseñados por Óscar Villán. Benxa Otero asume a sonoplastia e María Chenut, o vestiario. Luis Iglesias "Luchi" encargouse tamén da escenografía e o propio Inacio da dirección escénica.

Despois do paso nos días anteriores dos espectáculos Area e Auga a cargo de Teatro del Andamio, Cinderella Mix por Artello Teatro e O Gato Manchado e a Andoriña Siñá da man de Teatro do Morcego, Fábula Galénica será o penúltimo espectáculo que acolle a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, xa que a compañía Teatro do Noroeste pechará a edición 2011 desta iniciativa o venres 30 con Piratas.

As últimas entradas, tanto para Fábula Galénica como para Piratas, están á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto todos os días da Mostra desde as 17.00 horas. Ademais, xa poden adquirirse na billeteira electrónica da web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira) un bono de seis entradas por 30 euros.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal