AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PASE, DE ACCESO LIBRE, É POSIBLE GRAZAS AO LABOR DA FUNDACIÓN VICENTE RISCO DE ALLARIZ

O Salón Teatro acolle este luns a presentación da versión orixinal en catalán con subtítulos en galego do filme "Pa Negre"

[13/01/2012] O Salón Teatro de Santiago acolle, este luns 16 ás 20.30 horas, a proxección con subtítulos en galego de Pa Negre, a película de Agustí Villaronga baseada na novela homónima de Emili Teixidor, vencedora dos Premios Goya 2011 e candidata española ao Oscar 2012 ao mellor filme de fala non inglesa. A entrada para asistir a esta proxección é de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 18.30 horas. Poderán retirarse ata dúas localidades por persoa.

Cartel do pase no Salón Teatro

O pase, que ofrecerá a versión orixinal en catalán con subtítulos en galego, é posible pola colaboración da Fundación Vicente Risco, que vén de publicar a tradución directa feita por Eduard del Castillo, xunto co DVD cos subtítulos realizados polo equipo do Festival Internacional de Cine de Ourense. Con este proxecto a fundación alaricana busca dar continuidade ao labor desenvolvido pola Xeración Nós na procura de internacionalizar o idioma e a cultura galegas.

Na Cataluña rural da posguerra
A historia, ambientada na Cataluña rural da posguerra, está protagonizada por Andreu (papel interpretado por Francesc Colomer), un neno que un día encontra no bosque os cadáveres dun home e o seu fillo. As autoridades pretenden cargarlle as mortes ao seu pai, apresado pola súa ideoloxía, pero el, para axudarlle, tentará descubrir quen son os auténticos responsables. Neste percorrido Andreu desenvolve unha conciencia moral fronte a un mundo de adultos alimentado polas mentiras. Para sobrevivir, traizoa as súas propias raíces e acaba descubrindo o monstro que habita nel.

A novela Pa Negre, de Emili Teixidor, foi publicada en 2003 pola editorial Columna. Un ano máis tarde, recibiu o Premi Letra dOr ao mellor libro publicado en lingua catalá, o Joan Crexells e o Premio Nacional de Literatura da Generalitat de Catalunya. En 2010, o cineasta mallorquín Agustí Villaronga asumiu o reto de dirixir e adaptar o best seller, traballo co que acada 14 nominacións aos Premios Goya (dos que obtivo un total de 9), 9 Premios Gaudí outorgados poloa Academia de Cine Catalá, así como a Cuncha de Prata do Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

O pasado mes de setembro, a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España escolleuna como candidata final na categoría de Mellor Película en Lingua Estranxeira na 84ª edición dos Premios Oscar da Academia de Hollywood.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal