AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

OFRECERÁ DÚAS FUNCIÓNS QUE TERÁN LUGAR ESTE VENRES 20 E O SÁBADO 21, ÁS 20.30 HORAS

Teatro Galileo representa no Salón Teatro a montaxe "Sempre quixen bailar un tango", coa dirección escénica de Pedro Rubín

[18/01/2012] A compañía Teatro Galileo pon en escena este venres 20 e o sábado 21, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago, dúas funcións de Sempre quixen bailar un tango, a obra coa que Teresa González Costa gañou a edición de 2008 do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, outorgado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Baixo a dirección de Pedro Rubín, o espectáculo é unha traxicomedia que reflexiona sobre as cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia.

Sempre quixen bailar un tango

Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e "Tanas", todos eles grandes coñecidos no panorama teatral e audiovisual galegos, compoñen o elenco interpretativo desta montaxe, que conta ademais coa participación de Rodrigo Roel no deseño da escenografía e do vestiario, Eduardo Alonso na iluminación e Raúl Varo na composición musical.

Sobre as cousas valiosas da vida
Sempre quixen bailar un tango preséntase como unha viaxe emocional, por medio do humor, sobre as cousas valiosas da vida e sobre o transcurso do tempo. A obra comeza cando a Manuel lle comunican que está a piques de morrer. Pensa entón nas cousas que xa nunca poderá facer, nas palabras que non vai dicir, no tango que deixou sen bailar… Namentres se enfronta con serenidade ao final da súa vida, a súa filla Susana e mailo seu xenro Luís, alleos ao drama, prepáranse para o seu despegue social grazas a un suposto ascenso de traballo; e María, a encargada da limpeza e a única persoa sensible ao que sucede, limpa o que lle mandan, sen facerse demasiadas preguntas.

Os catro personaxes de Sempre quixen bailar un tango viven baixo o mesmo teito, pero están absolutamente sos. Son persoas que non se comunican máis que superficialmente e que non se decatan do valor real da vida e do contacto humano ata que desaparece. Como se explica na presentación do espectáculo, son persoas que non din "quérote" ata que están no leito de morte, persoas que botan toda a vida esperando un futuro de felicidade que nunca chega, porque a felicidade ou é presente ou non é; persoas que deixan tangos sen bailar.

A compañía
Teatro Galileo comezou a súa andaina en 1991, e desde aquela, sempre baixo a dirección artística de Pedro Rubín (fundador da compañía), puxo en escena numerosos espectáculos entre os que destacan os clásicos A esperar a Godot, de Beckett; Caprichos de Cervantes; O Avaro, de Molière; O Divertimento do Rei, de Víctor Hugo, ou Servidor de dous amos, de Goldoni. Ademais tamén levou á escena textos de autores contemporáneos como Naúfragos, de André Roussin e O xardín dos contos, de Manuel Lourenzo, entre outros.

En 2010, Rubín estrea a peza de Teresa González Costa distinguida co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2008. O xurado cualificador salientara a solidez da estrutura dramática do texto, así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co "poder salvador dos soños". E foi precisamente un mundo de soidade, de banalidade e de ambición desmesurada o que o texto lle transmitiu a Pedro Rubín, quen decidiu representala xunto ao seu equipo estable de traballo.

Actualmente, a compañía con base en Sada atópase inmersa nos ensaios da que será a súa nova produción, Desfeitos, de Fabe Chaves, cuxa estrea está prevista para o vindeiro mes de maio.

Venda de entradas
As entradas para asistir ás dúas funcións de Sempre quixen bailar un tango, poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas do comezo das representacións. O prezo das localidades é de 10 euros, con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais. Ademais, está dispoñible a venda anticipada a través da billeteira electrónica da web http://entradas.novagaliciabanco.es.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal