AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DESENVOLVERASE DO 10 A0 13 DE ABRIL E O PRAZO DE MATRÍCULA PRINCIPIA O 5 DE MARZO

O CDG organiza un curso de "commedia dell'arte" para actores impartido por Massimo Malucelli

[09/02/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) organiza o curso "A commedia dell’arte e as técnicas da comedia" que o autor, actor e director italiano Massimo Malucelli impartirá no Salón Teatro do 10 ao 13 de abril e no que se traballará sobre a capacidade creativa do intérprete cómico. O período para a inscrición nunha das 15 prazas que se ofertan nesta iniciativa formativa permanecerá aberto dende o 5 ao 16 de marzo e o prezo da matrícula é de 50 euros.

Massimo Malucelli

O curso, que consta total de 20 horas lectivas (con catro sesións de 10:00 a 14:00 e catro horas máis de exhibición) retoma o programa de formación continua dirixido aos profesionais da escena promovido pola compañía pública, que en outras ocasións ten ofrecido xornadas de aprendizaxe con mestres como Thomas Leabhart, Mario Tomás ou Alfredo Padilla.

Nesta ocasión, desde un enfoque eminentemente práctico, os participantes aproximaranse da man do mestre florentino, profesor na actualidade na Universidade de Ferrara, aos diferentes personaxes arquetipos da commedia dell’arte, coa finalidade de ampliar os coñecementos e a capacidade creativa do actor cómico.

Así, a primeira sesión do curso comezará cunha introdución xeral ao xénero, onde se analizarán os personaxes, a organización e o desenvolvemento da escena, as máscaras, a trama ou canovaccio, a improvisación, o carácter e o traballo creativo e interpretativo dos actores que se manifesta inmediatamente no corpo, a tensión e os centros corporais, o traballo sensorial, a conexión coa situación escénica, o tratamento do espazo e o conto escénico ou o espazo físico como espazo de ficción.

Exhibición de canovaccios
Nos tres seguintes días, afondarase nas características e nas funcións dramáticas dalgúns dos personaxes arquetipos, en concreto, dos Namorados, o Capitán, o Doutor, o Pantaleone e o Zanni. Ademais de traballar a súa postura física, o seu camiñar e o seu comportamento particular, ensinaranse os seus filiais na actualidade.

Ao final de cada clase, as técnicas aprendidas serán aplicadas en diferentes exercicios de improvisacións e chistes (lazzi). Tamén está prevista, como acto de clausura do curso, unha exhibición aberta ao público dos canovaccios traballados.

Autor de 50 obras
Massimo Malucelli formouse na Universidade de Bolonia onde se graduou cum laude en Filosofía cunha tese sobre a análise dunha trama da commedia dell'arte. Estudou con grandes mestres internacionais como Sandra Seacat, Francesca de Sapio, Guiseppe Perruccio, Julie Garfield (no Actors' Studio de Nova York) (interpretación), Richard Haisma (teatro corporal), Michalkov Nichita (improvisación), no Roy Hart Theatre (técnicas vocais), Yves Lebreton (mimo) ou Antonio Fava (commedia dell'arte).

É autor de máis de 50 obras de teatro -entre textos orixinais e adaptacións- e participou como actor noutras tantas montaxes. Como director, ademais de textos propios, puxo en escena obras de teatro de Chéjov, Pirandello, Shakespeare, Petrolini ou Esopo, entre outras moitas, así como a ópera Rita de Donizetti. É, tamén, o director artístico de "Teatro máis alá da néboa", un circuíto de teatro recoñecido na Rexión Emilia Romagna, e profesor adxunto na Universidade de Ferrara, onde imparte a cátedra "Escena electrónica e teatro dixital".

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal