AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ANTON SKRYPICIEL INTERPRETA EN SOLITARIO ESTA PEZA CONSTRUÍDA A PARTIR DE TEXTOS DE FERNANDO PESSOA

A compañía portuguesa de danza Rui Horta representa no Salón Teatro o espectáculo "Bones&Oceans"

[25/01/2007] O Salón Teatro de Santiago ofrece maña xoves 25 e o venres 26, ás 20:30 horas, dúas funcións do espectáculo Bones&Oceans , coreografía da compañía portuguesa Rui Horta, como parte da programación escénica deseñada este trimestre polo Centro Dramático Galego (CDG) para este espazo compostelán. A obra está baseada nunha das súas últimas obras producidas en Alemaña nos anos 90 por Horta, que crea neste novo traballo un dueto solitario para un home e un can de metal.

O bailarín Antón Skrzypiciel, o performer de Bones&Oceans , interpreta este solo nunha posta en escena intimista, construída a partir de textos de Fernando Pessoa. Skrzypiciel, actor e bailarín de recursos inesgotables, traballou nas creacións de Horta durante os últimos trece anos e con el realizou centos de espectáculos.

Bones&Oceans sitúa a un home fronte a un can de metal enferruxado e unha banda magnética de son, que inexorablemente se desenvolve até o fin como únicos protagonistas. A montaxe traslada imaxes como as dun mundo á medida dun soño posible, un océano de peto, un percorrido onde se esgotan as preguntas, as protestas e mesmo o significado das palabras.

DISCÍPULO DO BALLET GULBENKIAN

Rui Horta naceu en Lisboa, onde comezou a bailar aos 17 anos no Ballet Gulbenkian. Posteriormente viviu varios anos en Nova York, onde rematou a súa formación en danza. Entre 1984 e 1987 fundou e dirixiu a Companhia de Dança da Lisboa, unha das compañías máis significativas no desenvolvemento da nova danza portuguesa. Máis tarde co apoio do Serviço Acarte da Fundação Gulbenkian creou a súa propia compañía, coa que comezou a presentar o seu traballo en Europa. Entre 1991 e 1998 foi invitado a crear e dirixir S.O.A.P. Dance Theater Frankfurt, compañía residente no Kunstlerhaus Mousonturm, coa que creou diversos espectáculos que xiraron por todo o mundo.

Na temporada 2000-2001, Horta regresou a Portugal, onde estableceu un Centro Coreográfico en Montemor-o-Novo. En 2001 creou PIXEL, coa que gañou o Premio ACARTE e un ano despois creou a obra LP. Como director artístico do Centro Coreográfico de Montemor-o-Novo, foi comisario do Proxecto COLINA – Collaboration in Arts en 2003 e recibiu no 2004 o Premio Almada outorgado polo Instituto das Artes / Ministerio da Cultura (Portugal).

As entradas para Bones&Oceans poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 €, cun desconto do 50% para estudantes, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal