AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TEATRO, MÚSICA E CINE MESTÚRANSE NESTE ESPECTÁCULO, DO QUE SE OFRECEN DÚAS FUNCIÓNS DE ESTREA O SÁBADO 28, ÁS 20.30 HORAS, E O DOMINGO 29, ÁS 18.00

A Consellería de Cultura e Educación presenta no Salón Teatro o debut do Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira con "Sesión Nº 1"

[26/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago o debut escénico da compañía O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira, con dúas funcións de estrea do seu espectáculo Sesión Nº 1 que terán lugar o sábado 28 ás 20.30 horas e o domingo 29 ás 18.00 horas.

Os Irmáns Lumieira

Dirixida por Víctor Mosqueira e interpretada por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso Teatro, esta nova proposta combina teatro, música e celuloide, ademais de lles ofrecer aos espectadores a oportunidade de gozar de grandes clásicos da era do cine mudo diante da lámpada de proxección, con copias orixinais en 16 mm e empregando os rolos dentados dun proxector con máis de 50 anos de funcionamento.

Clásicos do cine mudo
A súa primeira experiencia escénico-cinematográfica está dedicada ao slapstick, o xénero cómico por definición do cinema silente. Nas dúas funcións de estrea presentaranse e proxectaranse os clásicos Viaxe ao paraíso, de Harold Lloyd, e Unha semana, de Buster Keaton, así como sketchs e trucos visuais propios. Todo isto levarase a cabo con acompañamento musical en directo, a medio camiño entre o ragtime, a improvisación transcendental e a comicidade explícita dos efectos sonoros.

Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso convértense sobre o escenario nos tres Irmáns Lumieira, fillos de Luís Lumieira Loureiro, un galego emigrado a Francia a finais do século XIX. O Irmán Maior (papel interpretado por Carlos Meixide) é o encargado de contar a historia e as desventuras da súa familia. Amigo dos faladoiros e do savoir vivre, é un inventor e promotor de proxectos empresariais ruinosos e desprezados, como o seu telégrafo móbil.

O Irmán Mediano (Tomás Lijó) é o científico. Desde moi novo, demostrou unha especial habilidade cos máis avanzados aparellos de proxección. Non en balde e da man do seu pai, traballaba cos Irmáns Lumière en Lyon, onde aprendeu os segredos do cinematógrafo. E, por último, está o Irmán Pequeno (Suso Alonso), un dos pianistas máis virtuosos dos cabarés parisienses, enfermo de desamor e gran bebedor de asento, que nunha noite de borracheira acordou non volver dicir palabra.

Cando o Irmán Mediano recibiu unha chamada da súa terra nai para renovar as ópticas do faro de Fisterra, o Irmán Maior e o Irmán Pequeno decidiron que este aceptara a proposta e acompañalo a Galicia. Ao tempo, fuxirían dos seus respectivos acredores e das súas respectivas adicións. Agora, os tres xuntos, percorren Galicia transportando nos seus caixóns a "Maxia do cinematógrafo" alá onde son chamados.

Dúas fitas históricas e material propio
Para presentar o seu "fantabuloso" e hilarante mundo, os Irmáns Lumieira sérvense, dunha banda, de dúas películas mudas propias, interpretadas polos tres artistas seguindo as pautas do xénero. E doutra, de dúas curtametraxes protagonizadas por Harold Lloyd e por Buster Keaton, que xunto con Charlie Chaplin conforman o triunvirato dos grandes cómicos do cine mudo americano. Os seus personaxes característicos, decote perdedores inocentes mais perseverantes nun mundo en continuo cambio, adquiriron cotas históricas de brillantez.

En Viaxe ao paraíso (Never Weaken, 1921, 19 min.), Harold Lloyd interpreta un oficinista que, en tempos de crise e depresión, se ve forzado a utilizar toda caste de argucias para garantir a estabilidade laboral da súa namorada. Esta foi a última produción do actor máis popular e mellor pagado da década dos vinte. En Unha semana (One Week, 1920, 19 min), Buster Keaton casa cunha guapa moza e recibe como agasallo de vodas unha casa prefabricada cuxo libro de instrucións promete que se pode montar nunha semana.

Venda de entradas
As entradas para as dúas funcións de Sesión Nº 1 do Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal