AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CREADA, DIRIXIDA E INTERPRETADA POR KIRENIA MARTÍNEZ E BEATRIZ PÉREZ, ESTA COREOGRAFÍA SUBIRÁ AO ESCENARIO COMPOSTELÁN O VENRES 4 E O SÁBADO 5, ÁS 20.30 HORAS

Cultura e Educación programa no Salón Teatro dúas funcións da peza "Blondy’s Coffee" da compañía de danza Entremans

[02/05/2012] A programación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o mes de maio no Salón Teatro dá comezo esta semana coa posta en escena da última coreografía da compañía galega Entremans, Blondy’s Coffee, creada, dirixida e interpretada por Kirenia Martínez e Beatriz Pérez. A peza, que poderá verse en Santiago este venres 4 de maio e o sábado 5 ás 20.30 horas, reflicte o mundo absurdo que crean dúas mulleres durante o descanso para o café.

Blond's Coffee

Baixo o subtítulo "Peza soa para dúas mulleres", en Blondy's Coffee dúas bailarinas recrean nove escenas acompañadas de imaxes audiovisuais, que axudan a afondar na historia e descubrir os personaxes, a coñecer as súas intrigas e a viaxar ao interior que as habita. Son dúas mulleres sumidas no tedio e que se refuxian en estraños pasatempos na procura de novas emocións que lles devolvan a súa propia natureza. Aburridas da súa existencia, buscan un hábitat onde encontrarse elas mesmas, coas súas miserias e as súas grandezas.

A coreografía ten o seu xerme na exposición Evanescencias, de Román Montesinos e da propia Kirenia Martínez, que busca a conxugación por medio da fotografía de posturas, modos, texturas e símbolos a través de elementos engadidos ao corpo feminino espido.

As entradas para asistir ás dúas funcións de Blondy's Coffee poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto o venres e o sábado a partir das 18.30 horas, mentres que a venda anticipada está xa dispoñible a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Discurso persoal
Formada en 2005 por un grupo de bailaríns cubanos afincados en Galicia, a compañía Entremans crea as súas pezas partindo dunha dirección artística colectiva na que prima o discurso persoal e a experiencia dos seus intérpretes. O seu primeiro espectáculo, En la cuenca de tus ojos, recibiu en 2006 os primeiros premios do IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia e do V Certame Internacional de Burgos-New York.

Tras estes recoñecementos, a compañía prosegue co seu traballo de investigación con pezas como Hasta que no te lo comas todo, Dos sombreros y unos tragos, Si quiero, A palo seco, Qué pasa aquí?, Ven (galardoada co 1º Premio do Público no XXII Certame Coreográfico de Madrid), El buey solo bien se lame, Concerto desconcerto (en coprodución co Centro Coreográfico Galego) ou A medio metro de lo vivido.

Carteleira de maio
A programación do Salón Teatro continuará o xoves 10 cun novo concerto do ciclo ST Música Presente. Nesta ocasión, será a quenda de Borja Cao Trío para presentar en directo The future is green, o seu segundo traballo discográfico, no que se mesturan sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos. Coa colaboración de Max Gómez á batería e a incorporación de Juansi Santomé ao contrabaixo, este trío continúa a súa andaina xunto ao selo Audia Records co obxectivo de dar a coñecer as diferentes facetas do novo jazz feito en Galicia.

Ao día seguinte e durante tres xornadas (11, 12 e 13 de maio), Pífano Teatro estreará Winnie son eu, unha traxicomedia existencial escrita e dirixida por María Armesto. Mela Casal protagoniza esta obra baseada no lendario texto Happy Days, de Samuel Beckett, que aborda desde a perspectiva do teatro do absurdo e co seu humor implacable o tema da soidade e a loita por intentar comunicarse e avanzar. Xavier Picallo, Marcos Sánchez Armesto e a propia María Armesto completan o equipo actoral.

A carteleira de maio inclúe, asemade, a gala de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que terá lugar o martes 15 no marco dunha nova edición do denominado Espazo Radioescénico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Compañía Femme Fatale despregará a súa Ronda poética, un "batallón literario" que sairá ás 12.00 horas do Salón Teatro para percorrer as rúas do Franco, Fonseca, Praterías e Rúa Nova a golpe de versos, facendo improvisacións, agasallando poemas, recitando, escribindo versos no chan, bailando e interactuando cos viandantes. Finalmente e como en anos anteriores, o espazo do CDG cederá o seu escenario para a celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario da USC (Universidade de Santiago de Compostela), que se desenvolverá do luns 21 ao mércores 30.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal