AGADIC

Centro Dramático Galego


Revista de prensa

EDUARDO RODRÍGUEZ CUNHA, "TATÁN", COMENTA A ESTREA DO CDG

O teatro respira... Tarará Chis Pum

[05/02/2007] Membro de Títeres Tanxarina, o actor redondelán Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como "Tatán", ten unha longa traxectoria no teatro de monicreques e de autor, interveu tamén en programas de televisión e filmes, e tamén ten traballado como artesán, na construción, manipulación e posta en escena de teatro de títeres, máscaras, marionetas, cabezudos e sombras chinesas. Achéganos este comentario sobre a última produción do CDG, o espectáculo de teatro infantil Tarará... Chis... Pum!, que foi estreado este venres pasado en Vigo.

Aínda que digan o contrario, o feito de respirar é voluntario. Sen vontade non se respira, e se dúas vontades se xuntan, aínda millor é o respiro. A respiración renova o sangue e o corpo agradéceo, neste caso o corpo teatral, o teatro.

Precisamos de renovación, de voltar a ollada atrás e comprobar que vén cara a nós unha nova xeración de actrices e actores que de seguro van revalorizar a escea deste país. Isto entendérono perfectamente Rosa Hurtado e Santiago Montenegro codirectores do espectáculo de creación colectiva Tarará... Chis... Pum!, producido polo CDG e estreado en Vigo o pasado día 2 de febreiro. Unha historia tenra dirixida ao público familiar, e que hai trinta anos a compañía Artello de Vigo elevara ás máis altas cotas de audiencia. Quen escribe este artigo non tivo oportunidade de ver aquela versión, pero estou completamente seguro, por referencias de amigos, parentes e coñecidos, de que foi todo un éxito. O mesmo que seguro vai ter esta nova e atraente mudanza dese xa enraizado espectáculo. A achega escénica, os movementos dos actores, a creación continua de imaxes atraentes, a alegre iluminación, o colorido do vestiario, a sinxeleza da historia, a complicidade entre os actores e actrices, compoñen, en resumo, un conxunto que fai que o espectador, pais e nenas, nais e nenos, cun curioso sorriso, permanezan á expectativa do que alí ocorre.

Agradécese ver que o futuro xa está aquí, que ocorren cousas, que o teatro, neste caso o teatro para os máis cativos, ten un espazo digno, representado e presentado neste caso por actores e actrices novos e novas, por grandes profesionais, como é o caso de Avelino González ou Anabel Gago que nin se distinguen, na sua xestualidae e mobilidade, dos que poderían ser os seus alumnos… obrigado a todos eles pola súa frescura. Queda teatro por anos, esa é a consigna.

Santiago Montenegro e Rosa Hurtado, xunto coa colaboración na dirección musical de Manuel Pombal, deixaron neste Tarará... Chis... Pum!, a pegada da súa experiencia, pero tamén a intelixencia de crear un espectáculo que vai dar moito que falar nestes días. Agradécese o respiro, o alento de saber que neste país de luces e sombras avecíñase un raio de teatro lúcido, que xa o había, pero que exercicios de dirección como este fanno chegar ás ventás do público.

É de subliñar a compliciade do CDG, representado pola súa directora Cristina Domínguez, para que a compañía Artello puidese levar adiante este traballo co seu propio estilo, un xeito novo de producir baseado na colaboración entre o estamento oficial CDG e a compañía independente. Novas experiencias para novos tempos que neste caso, polo menos na escea, saiu de…Tarará... Chis... Pum!.

Eduardo Rodríguez Cunha, "Tatán"


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal