AGADIC

Centro Dramático Galego


Imaxe do Salón Teatro no ano 1930.

Historia

A Liga da Mutua de Señoras de Santiago promoveu a primeira reconstrución do Salón Teatro no ano 1919. O inmoble, situado en pleno casco histórico de Santiago de Compostela, sería inaugurado o 30 de outubro de 1920. Na súa orixe, ideouse como sala de eventos e espectáculos para os socios desta Liga. Uns anos despois, o edificio foi vendido a Acción Católica, e xa na década dos trinta pasou a mans da Empresa Fraga, que o destinou principalmente á exhibición cinematográfica.

En 1949 a fachada do edificio foi remodelada atendendo aos criterios do arquitecto Pons Sorolla. Estes cambios permanecerían case inalterados ata 1996, ano no que o Salón Teatro foi adquirido pola Xunta de Galicia. Xa entre 1998 e 1999, o Estudio de Arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuiña asumiu unha completa intervención que dotou o inmoble do aspecto co que hoxe o coñecemos.

Xestionado pola Consellería de Cultura, o teatro abriu de novo as súas portas o 29 de outubro de 1999 co gallo da estrea do espectáculo Si o vello Simbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, a cargo do Centro Dramático Galego.

Recuperábase así para a escena galega este espazo de 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Dende entón, e como sede do CDG, o Salón Teatro acolle a exhibición en Santiago de todas as producións da compañía pública, ademais dun programa aberto ás distintas disciplinas escénicas.

AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal