Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DESENVÓLVESE DENDE HOXE ATA O VENRES NA SEDE DO CENTRO QUE XESTIONA A AGADIC

O mestre suízo Gabor Meszaros imparte en Santiago un curso de fagot da Escola de Altos Estudos Musicais

[26/04/2010] O recoñecido fagotista Gabor Meszaros atópase esta semana en Santiago para impartir o Curso de Fagot que organiza a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) como parte das súas actividades de formación permanente. Ata o vindeiro venres día 29, un total de seis alumnos traballaran co mestre suízo distintos aspectos da técnica e o repertorio para este instrumento, así como para ensamble de ventos.

Gabor Meszaros

O número de prazas dispoñibles para o encontro -que se desenvolve en horario de mañá e tarde na sede do centro docente que xestiona a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais)- reduciuse para facilitar un óptimo traballo de práctica instrumental, aínda que a EAEM abriu a posibilidade para a asistencia ás sesións de máis participantes na categoría de alumnos oíntes.

Traxectoria

Gabor Meszaros traballa na actualidade como profesor na escola universitaria de música Conservatorio della Svizzera Italiana, en Lugano (Suíza). Realizou concertos e recitais en importantes centros musicais en Zürich, Berna, Berlín, Colonia, Madrid, Barcelona, Nova York, etc. Gravacións radiofónicas e televisivas confirman a súa fama de extraordinario intérprete como fagotista. Leva a cabo regularmente cursos de perfeccionamento en Italia, Hungría e Suíza. É a miúdo membro de xurados en concursos nacionais e internacionais, e durante a súa extensa carreira ten conseguido así mesmo numerosos recoñecementos.

Fundador e membro de diferentes grupos de música de cámara -entre outros, o Noneto Suízo- e grazas a súa ampla experiencia neste campo, é moi solicitado como músico en ensemble. Foi fagotista en orquestras sinfónicas de Suíza, España e Alemaña, onde colaborou como solista con directores como Arpad Joo, Víctor Pablo Pérez, Anthony Wit, Franz-Paul Decker, Philippe Bender, Johannes Goritzki, Lü Jia e Odón Alonso.

Ligazóns