Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS FUNCIÓNS COMBÍNANSE CO TALLER 'VISTO NON VISTO'

O teatro de pompas de xabón chega ao ciclo de Nadal do CDG con Malasombra Producións e 'Os fabulosos cleaners'

[27/12/2018] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle esta fin de semana a montaxe 'Os fabulosos cleaners', de Malasombra Producións, a segunda das tres propostas do ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) como unha programación especial de Nadal que combina espectáculos con talleres infantís.

Escena da montaxe

A asistencia ás funcións, que terán lugar o sábado 29 ás 19,00 h. e o domingo 30 ás 12,30 h., pode combinarse coas dúas entregas do taller titulado 'Visto non visto', dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos. Impartido por Elea López, desenvolverá no propio Salón Teatro durante as dúas horas previas ao pase do espectáculo e abordará de xeito lúdico elementos que os rapaces poderán ver despois no escenario: distintas texturas, materiais e efectos de luz como maneiras de expresar e crear.

Xoque Carvajal e Jouse García son 'Os fabulosos cleaners', dous operarios encargados da limpeza dun teatro que descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo xunto con auga e xabón. A partir de aí emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas: formas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Componse así unha fantástica experiencia visual na que pode participar toda a familia.

Despois da actuación os pasados 22 e 23 de decembro de Xarope Tulú con 'Nómades', a sede do CDG despedirá o ano e recibirá 2019 con este ciclo, xa que Gran Teatro para os máis Pequenos continuará na primeira semana de 2019 da man de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porá en escena 'Muiñada' o xoves 3, ás 19,00 h. e o venres 4, ás 12,30 h. Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro 'Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos'.

As distintas modalidades de bonos e as entradas individuais están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro os días das funcións. A información e as reservas de prazas para os talleres facilítanse no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas).

Ligazóns