Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O SÁBADO, ÁS 20.30 H., E O DOMINGO, ÁS 18.00 H.

O coreógrafo Javier Martín e o escultor Joaquín Jara estrean no Salón Teatro de Santiago 'SOMA' en coprodución co CDG

[23/05/2019] O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) estrea esta fin de semana en Santiago SOMA, a nova proposta do coreógrafo e investigador Javier Martín, neste caso en cocreación co escultor e performer Joaquín Jara. As funcións terán lugar no Salón Teatro este sábado 25, ás 20,30 h., e o domingo 26, ás 18,00 h.

Javier Martín SOMA

Os seus creadores definen a proposta como "unha experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como sombra e fragmento". A instalación e a performance conviven en escena, onde bailarín e escultor comparten espazo con Octavio Mas, encargado tanto do deseño da luz como da súa activación, e con Artur M. Puga, creador do ambiente sonoro, que elabora tamén en directo. Na produción executiva, completa o equipo de SOMA a investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza.

A peza transita por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento, disipando roles mediante esculturas, materiais, ambientes, obxectos e coreografías que se van despregando nun espazo conformado ante o espectador.

Ademais de co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través do CDG, o proxecto contou coa colaboración do centro creativo L’Animal a L’Esquena de Celrà (Xirona), onde se desenvolveu unha residencia artística, así como coas achegas do grupo de investigación Corpo en Acto, coordinado por Javier Martín para o programa Tribuna Publica da Coruña, e co patrocinio de Gadis.

Venda de entradas
A venda anticipada de localidades para as súas dúas funcións de estrea está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, o sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo das representacións.

En paralelo, a sede do Centro Dramático Galego acollerá desde mañá ao domingo a segunda quenda do ciclo de accións escénicas curtas Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas. Nas tres sesións, programadas ás 19,00 h. o venres e sábado e ás 20,30 h. o domingo, o público irá percorrendo diferentes estancias do Salón Teatro para gozar dunha peza en cada unha delas.

No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano. Pola súa banda, a biblioteca acollerá Sofía, achega unipersonal de Marta Pérez, próxima ao teatro-conferencia e realizada a partir do espectáculo da compañía Inversa Teatro Sofía e as postsocráticas que puido verse o ano pasado no escenario do Salón Teatro; e Pulso, de Teatro En-Trance, unha peza de Paula Sanmartín inspirada na figura de Neal Cassady, icona da chamada Xeración Beat.

Ligazóns