AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

DO 10 AO 14 DE FEBREIRO

O Salón Teatro recibe cinco espectáculos de tres países como sede do 26º Festival Internacional de Teatro Universitario da USC

[09/02/2020] O Salón Teatro de Santiago volve abrirlle as súas portas á escena universitaria como sede da 26ª edición do Festival Internacional de Teatro Universitario, que organiza a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do luns 10 ao venres 14 de febreiro.

Mostra Internacional de Teatro Universitario

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) recibirá cinco espectáculos, dos que dous corren a cargo de compañías galegas e as tres restantes de formacións universitarias chegadas desde Almería, Lituania e Portugal. Así, a programación arranca o luns que vén coa posta en escena de En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic, da compañía da Aula de Teatro da USC, á que lle seguirán o martes 11 Sala (A illa), do Estudio Teatral Palépé da Vilniaus Gedimino Technikos Universitetas de Lituania; o mércores 12 Nana, da Aula de Teatro da Universidad de Almería; o xoves 13 Doentum imaxinaribus, da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, e o venres 14 Cântico Negro, da compañía Teatrubi da Universidade da Beira Interior da cidade portuguesa de Covilhã.

As cinco funcións do festival terán lugar ás 21,00 h. e a entrada é de balde, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións.

Ás propostas universitarias, que regresarán a este espazo compostelán do 21 ao 26 de abril cunha nova entrega da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, seguiralles este mes de febreiro a estrea de Os nenos da varíola, espectáculo de Pérez&Fernández a partir da novela de María Solar e inserido no programa de coproducións desenvolvido pola Xunta a través do CDG.

Esta nova montaxe poderá verse no Salón Teatro do venres 28 de febreiro ao domingo 1 de marzo e as entradas xa poden adquirirse a través da web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443.