AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

NO NOSO ESCENARIO, DO VENRES 28 AO DOMINGO 1

Pérez&Fernández estrea no Salón Teatro 'Os nenos da varíola' en coprodución co CDG

[26/02/2020] O espectáculo Os nenos da varíola, da compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), estréase este venres 28 no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o domingo 1 de marzo. A novela homónima de María Solar cobra así vida sobre as táboas, recuperando para os espectadores as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña.

Pérez&Fernández estrea no Salón Teatro 'Os nenos da varíola' en coprodución co CDG

A compañía da Xunta de Galicia colabora con esta proposta escénica tanto a través do seu programa de coproducións como do de residencia, no marco do que o equipo de Os nenos da varíola conta tamén co apoio técnico e as instalacións do CDG, onde traballa desde hai 10 días na súa estrea desta fin de semana.

Acontecementos históricos, tenrura e humor mestúranse na proposta que codirixen Xosé Leis e Victoria Pérez, ademais de interpretala xunto a Isabel Risco e Manu Fernández no espazo escénico deseñado por Montse Piñeiro e José Faro, e co vestiario de Mar Fraga.

O seu eixo central é a vida dos 22 nenos e verdadeiros heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 embarcaron no navío María Pita e aos que se foi inoculando o virus nunha cadea humana "brazo a brazo".

Tanto a novela como a súa adaptación teatral poñen énfase, así mesmo, no papel que xogou nesta expedición unha das súas protagonistas máis esquecidas: Isabel Zendal, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, da que procedían a meirande parte dos nenos da expedición e entre os que se atopaba o seu propio fillo.

Venda de entradas
As entradas para as funcións de Os nenos da varíola en Santiago (venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.) xa están á venda na web https://entradas.abanca.com/es/event/os-nenos-da-variola/https://entradas.abanca.com/es/event/os-nenos-da-variola/"]entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto ao público os días de representación desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

O espectáculo iniciará a continuación a súa xira polos escenarios galegos, con próximas paradas previstas o 22 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense e o 17 de abril no Fórum Metropolitano da Coruña.

Tras esta estrea, o programa de coproducións do CDG achegaralle ao público outras catro propostas escénicas durante os vindeiros dous meses tras as súas correspondentes residencias artísticas neste espazo compostelán: O premio, de La Quintana Teatro (do 12 ao 15 de marzo); Clausura do amor, de Cámara Negra Teatro (do 2 ao 5 de abril); Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (16 e 17 de abril), e Crónica dunha heterosexual insatisfeita, de Verdeveras Expresións Artísticas (18 e 19 de abril).

Ligazóns