Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO, COPRODUCIDO POLA UNIDADE DE PRODUCIÓN TEATRAL DA XUNTA E A COMPANHIA DE TEATRO DE BRAGA, LEVA Á ESCENA A CONSIDERADA PRIMEIRA OBRA TEATRAL ESCRITA EN GALEGO CO GALLO DO SEU 350º ANIVERSARIO

'A contenda do río Miño' estréase mañá en Galicia no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

[09/07/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, e a Companhia de Teatro de Braga (CTB) representan mañá na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas 'A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño'. O Auditorio Municipal da vila do Morrazo acollerá así, ás 22,30 h., a estrea en Galicia do espectáculo que leva a escena a considerada primeira obra teatral escrita en galego, asinada por Gabriel Feixóo de Araúxo e datada en 1671.

A contenda do río Miño

Dirixida polo director do CDG, Fran Núñez, co apoio dramatúrxico do responsable da CTB, Rui Madeira, e cun elenco composto por intérpretes de diversos países de fala lusa e de Galicia, a peza inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. A montaxe aborda as fronteiras que unen e separan, así como a loita polos recursos e de clases como temas universais e atemporais, que motivaron tanto o conflito recreado na obra do século XVII coma outros moitos ao longo da historia. Neste sentido, faise alusión á coñecida como guerra do fletán do pasado século XX.

Paulo Bragança, Yeliz Balim, Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez e Solange Sá danlles vida ás personaxes dos bandos portugués e galego nun espectáculo cunha gran forza visual. A música e o baile teñen tamén especial protagonismo, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego.

Como narrador, Fran Núñez guía o público a través desta viaxe pola historia chea de disputas e reivindicacións, pero tamén de encontros e celebracións. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan a ficha artística nesta unión de esforzos que busca reforzar a identidade común.

A contenda do río Miño chega a Cangas tras a súa estrea o pasado 2 de xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, no marco da designación de Portugal como país convidado da 44º edición do Festival Internacional de Teatro Clásico da vila manchega. Esta semana houbo tamén unha funcións na vila portuguesa de Braga, co gallo do seu festival de teatro Mimarte.

Dinamización do sector teatral galego
O espectáculo forma parte da programación do CDG para esta temporada, na que a unidade de produción teatral da Xunta presentou outras tres pezas, 'O charco de Ulises' e 'Terceiro acto', xa estreadas e que volverán aos escenarios nesta segunda metade do ano, e 'Serva me, servabo te', prevista para setembro. Diversas coproducións e novas iniciativas como o programa Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación completan a intensa actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego a prol da dinamización do sector teatral nos últimos meses.