Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PÚBLICO TERÁ A NOVA OPORTUNIDADE DE VER O ESPECTÁCULO DO XOVES 15 AO DOMINGO 18, CUNHA REPRESENTACIÓN DIARIA

O Salón Teatro acolle novas funcións da produción do Centro Dramático Galego 'Terceiro acto'

[11/07/2021] O Salón Teatro acolle a partir deste xoves catro novas funcións de 'Terceiro acto', a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, estreada o pasado 15 de abril e que estivo en cartel durante un mes con máis de 30 funcións. A peza dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e interpretada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha representarase do xoves 15 ao sábado 17 ás 21,00 h e o domingo 18, ás 19.00 h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase.

Terceiro acto

O espectáculo ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.

'Terceiro acto' convértese así nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia.

Tras o seu novo paso polo Salón Teatro, o espectáculo representarase na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o martes 20, no auditorio Rubén García do Castelo, ás 23,00 h.

Motor de creación escénica
O espectáculo forma parte da programación do CDG para esta temporada, na que a unidade de produción teatral da Xunta se reforzou como motor de creación escénica con tres producións propias, 'O charco de Ulises', 'Terceiro acto' e 'Serva me, servabo te', esta última coa estrea prevista para setembro. A elas únese 'A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño', estreada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e que vén de ser representada na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Numerosas coproducións e novas iniciativas como o programa Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación completan a intensa actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego a prol da dinamización do sector teatral nos últimos meses.