Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG COPRODUCIRÁ A ÚLTIMA CREACIÓN DE MATARILE, ‘FRÁXIL: HANDLE WITH CARE’

A Xunta presenta unha novena edición de 'Escenas do cambio' centrada nas transformacións sociais e nos dereitos dos colectivos vulnerables e excluídos

[27/03/2023] O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a novena edición do festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do cambio, que dirixe Lola Correa e que este ano pon o foco na realidade e nas transformacións sociais do noso presente máis inmediato. Impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, Escenas do cambio trae do 4 ao 6 de maio unha decena de propostas de vangarda nas que a danza, o teatro, a performance, a música e a poesía conectan á audiencia coas reivindicacións dos dereitos das persoas migrantes e desprazadas, do colectivo queer ou dos estratos máis vulnerables da sociedade.

Momento da presentación

Entre elas, o canto ao amor infinito e insurrecto de One night at the golden bar (Alberto Cortés), os afectos e os coidados sobre os que construír un futuro mellor (Afectos, de Kirenia Danza, Fráxil: Handle with care, de Matarile) ou o cuestionamento da xestión mercantil privada da morte en Aquellas que no deben morir (Las Huecas), espectáculo gañador do premio Apuntador 2021 e premio Novaveu da Crítica.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade subliñou o compromiso continuo do Goberno galego coa creación escénica contemporánea, que neste caso se materializa no apoio ás cinco obras orixinais que terán a súa estrea absoluta no festival. Poco (o alguien dirá que nos equivocamos) de Roberto García de Mesa, o concerto debut da agrupación SONS-NÚS/CatroNubes e Poescénicas, as tres co soporte da Fundación Cidade da Cultura, e tamén as últimas producións de Kirenia Danza e Matarile, da man do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego, respectivamente. Ademais, outras catro pezas do programa poderán verse por primeira vez en Galicia.

O talento galego é outro dos puntos destacados desta novena edición de Escenas do cambio, cun total de nove artistas e compañías do país. A Kirenia Danza, Matarile e SONS-NÚS/CatroNubes súmanse as poetas Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira, así como o artista multidisciplinar Matías Daporta, que presenta por primeira vez en Galicia Washington, unha performance orixinal na que busca á protagonista da película, xamais realizada, coa que Lars Von Trier debería pechar a súa triloxía dos Estados Unidos como "terra de oportunidades".

O director xeral de Cultura estivo acompañado na presentación do programa pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; pola directora artística de Escenas do cambio, Lola Correa, e por Kirenia Martínez, Matías Daporta e Maite Dono —membro do dúo SONS-NÚS—, en representación dos artistas participantes no festival.

A escena móvese
O programa inclúe dúas obras itinerantes que rachan cos límites do escenario. Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco, propón redescubrir as rúas de Santiago de Compostela nun paseo compartido que só é revelado a quen o percorre. En Poescénicas, a ruta, en feminino, márcana cinco voces destacadas da poesía galega actual, acompañadas da música e da imaxe por diferentes espazos da Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario do Gaiás.
Ademais, o Centro Galego de Arte Contemporánea convértese en espazo escénico para a performance Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz.

Un encontro interxeracional entre profesionais, xestores culturais e artistas completa a proposta de Escenas do cambio para este ano 2023. Con el, o festival procura xerar novos espazos para conversar sobre os cambios fundamentais viviron nas últimas décadas as artes escénicas, ou a influencia do contexto social na creación, revisión e programación das obras, entre outros temas.

Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival. As entradas e abonos para o festival poden adquirirse xa no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.

O festival conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música - INAEM, o Concello de Santiago, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego.

Documentación
Ligazóns