Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O RECITAL DOS ALUMNOS CELEBRARASE MAÑÁ ÁS 20.30 HORAS NO AUDITORIO DA SEDE COMPOSTELÁ DA EAEM

José Luis Estellés dirixe o concerto inaugural do novo curso da Escola de Altos Estudos Musicais

[11/11/2009] O mestre valenciano José Luis Estellés dirixirá os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) no concerto inaugural do curso 2009-2010 que ofrecerán mañá xoves día 12, ás 20.30 horas, no auditorio da súa sede en Santiago de Compostela. Nesta actuación, os estudantes interpretarán o Octeto e a Sinfonía para instrumentos de vento de Stravinsky, e Cadros para unha exposición de Mussorgsky.

José Luis Estellés

Director e clarinetista, Estellés (Bétera, 1964) é na actualidade un dos nomes con máis proxección internacional da escena musical española. Dende primeiros de mes, os alumnos da EAEM -centro para a educación musical que xestiona a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC- tiveron a oportunidade de preparar con el este concerto inaugural, así como o que ofrecerán o venres día 13 no Auditorio Municipal de Lalín, no marco dun primeiro encontro de práctica orquestral centrado nas especialidades de ventos e incluído no programa formativo do curso 2009-2010.

Probas extraordinarias

No caso das especialidades de violín, viola, violonchelo e contrabaixo, a Escola de Altos Estudos Musicais mantén aberto ata o vindeiro 18 de novembro o prazo de recepción de solicitudes para participar nas probas extraordinarias de selección de alumnos que se celebrarán os días 12 e 13 de decembro en Santiago.

Unha media de 40 estudantes recibe clases cada curso na Sección de Especialización da EAEM, que ten como prioridade impartir una formación concreta dirixida á especialización dos alumnos que, cos seus estudos de conservatorio xa finalizados ou cun acreditado dominio instrumental, teñan vocación de se converter en profesionais. A graduación na Escola supón a superación de dous cursos lectivos, prorrogables a tres de xeito excepcional. Durante este período, os estudantes asisten a sesións individuais, de música de cámara, de práctica orquestral e a clases teóricas, ademais de participar en diferentes sesións maxistrais e encontros a cargo de profesionais de prestixio.