Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO, ROBERTO VARELA, PRESENTOU HOXE ESTA INICIATIVA COMA O "TRABALLO DE FONDO IMPRESCINDIBLE PARA A VERDADEIRA DIFUSIÓN MUSICAL"

A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais estrea en concerto 7 obras compostas por alumnos do centro

[05/04/2010] A orquestra de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), baixo a dirección de Maximino Zumalave, ofrecerá este mércores 7 de abril en Santiago un concerto para a estrea absoluta de sete obras orixinais asinadas polos participantes no curso bianual de composición impartido polo mestre Antón García Abril. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela asistiu hoxe a parte dos ensaios preparatorios para o recital e presentou esta iniciativa como "un traballo de fondo imprescindible para a verdadeira difusión musical".

preentacion_eaem

O concerto, que dará comezo ás 21:00 horas no auditorio que a EAEM posúe na súa sede da compostelá Finca Vista Alegre, supón a estrea diante do público destas obras inéditas, escritas por compositores noveis de diferentes idades e como parte do plano lectivo da denominada Sección de Formación Permanente deste centro para a educación musical que xestiona a Consellería de Cultura a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Durante a súa presentación, Roberto Varela defendeu o valor de proxectos como o que leva adiante a EAEM, no sentido de estar a realizar "un labor básico que combina as dúas vertentes imprescindibles en toda axeitada política de fomento da música". O conselleiro de Cultura explicou que estes dous aspectos son brindar a posibilidade de perfeccionamento na preparación dos propios músicos a través dos mellores medios e do profesorado máis cualificado; así como poñer despois o resultado acadado a disposición dos espectadores xerais mediante concertos ou xornadas abertas de difusión. Referiuse tamén, en concreto, a satisfactoria traxectoria do propio Curso de Composición -que acaba de culminar a súa sétima edición- e desexou a todos os alumnos o éxito no seu futuro profesional.

Obras de cámara e para orquestra de corda

Son catro obras de cámara e tres de orquestra de corda as que compoñen o programa do concerto. Na primeira categoría están os títulos Paseando por Nova Iorque, de Antonio Romero; Morno. Fantasía para violonchelo e piano, de Javier Ces; Trío para violín, violonchelo e piano, de Rubén Vizcaino; e Dos movimientos sobre un tema de Béla Bartók, de J. Delmont. En execución de orquestra de corda soarán Las tres dimensiones, de Miguel A. Gómez; Concertino para orquesta de cuerda, de Federico Mosquera; e Nocturno, de Xavier Comesaña.

As obras son o resultado da última edición do devandito curso, no que veñen participando, desde a súa posta en marcha en 1999 e ao longo de varios ciclos académicos, máis de 50 estudantes. Todos eles recibiron de García Abril -ex catedrático do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid- nocións de técnica compositiva, orquestración, corrección de obras e análise musical.

A orquestra que interpretará o recital baixo a dirección de Maximino Zumalave está formada tamén por un total de 27 alumnos -de idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos- da Escola de Altos Estudos Musicais: 8 violíns I, 6 violíns II, 4 violas, 4 violonchelos 3 contrabaixos, 1 frauta e 1 piano.

Antón García Abril

Nado en Teruel; de 1974 a 2003 exerceu como catedrático de Composición e Formas Musicais do Real Conservatorio de Música de Madrid. Na actualidade combina o seu traballo na EAEM cos cargos de director da cátedra "Manuel de Falla" de Cádiz e profesor de composición dos cursos de verán "Música en Compostela". Antón García Abril, autor dunha obra que abrangue a meirande parte dos xéneros musicais, é membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da Academia de San Luis de Zaragoza. Entre os galardóns recibidos ao longo da súa carreira destacan o Premio Nacional de Música (1993), Premio Fundación Guerrero de Música Española (1993), Premio de la Música (1996, 1998, 2000 e 2002) da Sociedad General de Autores y Editores e da Asociación de Intérpretes y Ejecutantes, Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1998), Premio Orfeón Donostiarra / Universidade País Vasco (2001) á creación musical, Premio Aragón 2003, Doutor Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid, Medalla de Ouro do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e Gran Cruz de Alfonso X El Sabio.

Ligazóns