Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MÁIS DUNHA VINTENA DE ASPIRANTES PARTICIPAN NAS PROBAS DE SELECIÓN DOS SEIS MÚSICOS QUE INTERGRARÁN A ORQUESTRA DO ESPECTÁCULO

O CDG inicia os ensaios do musical "A ópera dos tres reás" ás ordes de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonista

[04/04/2011] O equipo artístico e técnico que integra A ópera dos tres reás, a produción musical de gran formato que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará en Santiago o próximo 23 de xuño, inicia hoxe luns día 4 de abril os ensaios actorais baixo a dirección de escena de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonista. A compañía teatral pública materializa así un dos principais proxectos da súa directora, Blanca Cendán, que levará ao CDG a exhibir en escenarios galegos e de fóra de Galicia ata o vindeiro mes de outubro a súa versión sobre a obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill.

Quico Cadaval, director

Instalados na nave de servizos múltiples que mantén a Agadic no compostelán polígono empresarial de Costa Vella, tanto Luis Tosar (no personaxe de Mackie Navalla) como o resto do elenco integrado por Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Mónica de Nut, César Goldi, Alba Messa, Víctor L. Mosqueira, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf" e Sergio Zearreta, dedicarán as vindeiras semanas á creación dos perfís dos personaxes e ao adestramento vocal xunto ao director de canto Ramón Bermejo. Quico Cadaval, xunto a Nuria Sanz como axudante na dirección escénica, atópase estes días inmerso nos traballos de adaptación do texto orixinal e de composición dramatúrxica.

Esta fase inicial de ensaios realizarase coas primeiras achegas de escenografía e atrezzo básico desenvolvidos por Baltasar Patiño, responsable da iluminación e deseño do espazo escénico, así como cos figurinos debuxados por Carlos Alonso, autor do vestiario.

Seis prazas para músicos
Paralelamente, un total de 23 aspirantes participan tamén nas probas que desenvolve a partir de hoxe o CDG co fin de seleccionar os seis instrumentistas que porán a música en directo nesta ópera paródica. Estas audicións están a ter lugar na sala Roberto Vidal Bolaño, no Campus Sur de Santiago, en sesións de mañá e tarde ata as 13.30 horas do vindeiro mércores 6.

Do resultado destas probas sairá unha orquestra de seis músicos con capacidade para tocar 17 instrumentos: saxo alto, saxo tenor, saxo soprano, saxo barítono, frauta, frautín, clarinete, fagot, trompeta, trombón de varas, contrabaixo, banjo, bandoneón, guitarra, mandolina, timbais e percusión. O grupo de músicos incorporarase aos ensaios o 23 de maio.

Á estrea de A ópera dos tres reás, que terá lugar o 23 de xuño no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, seguirá unha xira que se prolongará inicialmente ata principios de outubro por distintos escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia. A montaxe, que forma parte da programación organizada pola Consellería de Cultura e Turismo para celebrar o Ano da Música, suporá grandes fitos para a escena musical galega como a estadía durante dúas semanas en Madrid ou a visita do CDG por vez primeira ás Illas Canarias.

Baseándose na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), Brecht sitúa na Alemaña dos anos trinta un mundo de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, no que o popular delincuente Mackie Messer seduce a filla do rei dos mendigos. Unha voda nunha corte é o detonante dunha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo, audacias e un final sorprendente.