Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ORGANIZADA POLO CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO, DESENVOLVERASE DO 26 AO 30 DE ABRIL NO SALÓN TEATRO E NA PRAZA DE CERVANTES

A I Mostra de Danza de Galicia difundirá as propostas coreográficas de 37 compañías de todos os estilos

[20/04/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza a I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolverá durante a próxima semana en Santiago de Compostela cunha carteleira artística de 37 compañías galegas de todos os estilos. O Salón Teatro e a praza de Cervantes serán os escenarios desta programación que se estenderá do martes 26 ao sábado 30 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Danza.

Detalle do cartel da Mostra

Programadores, distribuidores e produtores, entre outros axentes culturais, están convidados a participar nesta iniciativa, que ten como principal obxectivo reflectir diante do público o dinamismo coreográfico de Galicia, poñendo en valor a artistas tanto emerxentes como xa consolidados que desenvolven aquí o seu traballo.

Ademais das creacións apoiadas polo CCG a través do seu programa de Proxectos de Investigación Coreográfica, tamén teñen cabida outras pezas interpretadas por compañías profesionais, grupos de danza ou asociacións que empregan o baile como instrumento para a integración e a concienciación social. En cada xornada tamén haberá tempo para o intercambio de experiencias entre os creadores.

Durante os cinco días que durará este encontro, o Salón Teatro amosará unha sucesión de máis de 20 pezas, cada unha delas duns 30 minutos de duración, levadas a cabo por unha ampla representación de compañías, intérpretes e creadores galegos. Durante as mañás, a Mostra ocupará tamén a praza de Cervantes, nun emprazamento aberto aos viandantes e no que participarán 10 formacións artísticas.

Variedade de propostas
A variedade das propostas porase xa de manifesto na xornada inaugural deste programa que terá lugar o martes 26 a partir das 17.00 horas. Trala actuación do grupo de música tradicional da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), a compañía de danza Entrecaixas porá en escena un fragmento da súa peza Miniaturas, de Iván Villar. A forza e a fluidez de movementos, combinados coa música de carácter tradicional interpretada polo grupo Taratrío, mestúranse neste espectáculo no que o grupo formado por antigos membros do desaparecido Baller Galego Rey de Viana realiza un percorrido polos diferentes ritmos amosando a súa particular visión sobre a danza tradicional galega.

A continuación, o folclore árabe presentarase na Mostra da man de El Portsaidi. Sueño de ciego é o nome da coreografía de Gamal Aboegela, a partir de sons da música tradicional exipcia. As bailarinas e coreógrafas Paula Quintas e Marta Alonso, de CF-dance, tomarán o relevo e desenvolverán a performance de danza contemporánea 10 gr por cada 180 ml de agua.

A compañía Lusco e Fusco pechará esta primeira xornada coa escenificación de Encontros, un espectáculo multidisciplinar onde o teatro físico, a danza e o novo circo se conxugan para crear un código propio de expresión. Pablo Reboleiro e Alfredo Muíño son os artífices desta obra, para a que contan coa colaboración dos bailaríns Alexis Fernández e David Loira como asistentes de coreografía.

Entradas á venda
As entradas para asistir aos diferentes espectáculos poranse á venda no despacho de biletes do Salón Teatro, que permanecerá aberto todos os días da Mostra. Ademais, poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 5 euros e tamén está dispoñible un bono para todos os espectáculos ao prezo de 20 euros.