Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A INICIATIVA INSÍRESE NO PLANO DE FORMACIÓN DO CDG E ORGANÍZASE EN COLABORACIÓN COA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

O mimo Thomas Leabhart imparte dous cursos nos que participan 25 profesionais da escena galega

[25/04/2011] A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro Dramático Galego (CDG) organizan dous cursos de perfeccionamento de mimo impartidos por Thomas Leabhart, discípulo directo do fundador da mímica moderna, Etienne Decroux. Esta actividade docente, que se enmarca dentro do programa de formación continua para actores e actrices impulsado pola compañía pública, ten como finalidade proporcionar unha ampla introdución ao método Decroux mediante dous talleres intensivos sobre as bases fundacionais do mimo moderno.

Presentación do curso de Thomas Leabhart

Un total de 25 alumnos, na súa maioría profesionais da escena galega, asistirán a estas clases, que supoñen a posibilidade de coñecer e traballar na aplicación ao movemento físico os principios existentes no corazón do drama: pausa, vacilación, peso, resistencia e sorpresa.

Dividido en dúas fases de 35 horas cada unha, a primeira, de introdución xeral ao método Decroux, desenvolverase do luns 25 ao venres 29 de abril; e o segunda, dedicada á técnica de contrapesos, celebrarase do luns 2 ao venres 6 de maio. O curso completo desenvolverase no Salón de Actos da Escola Municipal de Música e de Danza de Santiago de Compostela, ubicada no barrio da Almáciga, de 9.00 a 17.00 horas.

Para a súa posta en marcha, contouse así mesmo coa colaboración do Concello de Santiago na cesión do espazo para o desenvolvemento desta iniciativa, e da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), na difusión da convocatoria entre o colectivo profesional galego.

Afastarse da imitación realista
Retomando as técnicas da antiga pantomima baseada na imitación de anécdotas da vida cotiá, Etienne Decroux analizou a linguaxe corporal ata atopar elementos básicos, carentes de significado inmediato. A combinación destes elementos forman cadeas de movementos significantes que permiten o actor afastarse da imitación realista, e ofrécenlle as ferramentas para a elaboración de espectáculos de mimo máis simbólicos, surrealistas ou abstractos.

Thomas Leabhart foi alumno de Etienne Decroux entre 1968 e 1972. Alternando a docencia cos seus propios espectáculos de mimo, é un dos últimos discípulos directos de Decroux (tamén o foron Jean Louis Barrault e Marcel Marceau) que segue a ensinar o seu método orixinal. Catedrático da Universidade Pomona College (Estados Unidos), Leabhart é tamén un teórico e historiador do mimo e da pantomima, autor de numerosos artigos sobre o mimo contemporáneo e as súas mutacións no teatro actual. Isto permítelle situar e explicar o seu ensino desde a perspectiva histórica do teatro contemporáneo. Ten impartido cursos en Estados Unidos, Francia, Xapón, India, etc.

Performances de alumnos
Ao longo do curso desenvolverase un traballo diario cos elementos básicos do mimo corporal. Así, dividindo o corpo nas máis pequenas articulacións, traballarase elaborando cadeas de xestos semellantes a escalas musicais. As escalas e os movementos segmentados realizaranse nun plano lateral, cara a diante, e cara a detrás, en rotación e combinando dous ou tres planos. Movendo o corpo no espazo, a partir destas escalas básicas, elaboraranse configuracións cada vez máis complexas, baixo a forma de movementos inter-corporais (figuras de estilo, ondulacións, compensacións, re-equilibrios…) e de movementos no espazo (andar, contrapeso, etc).

Ademais de familiarizarse cos elementos básicos da improvisación do mimo corporal como escoitar o compañeiro dunha escena, a utilización dos accesorios ou as asimetrías interiores , os estudantes-actores aprenderán formas de ocupar dun xeito claro o espazo teatral, como pode ser o atopar o movemento mediante a inmobilidade e a palabra por medio da escoita.

Tamén está prevista a impartición teórica de elementos básicos da historia do mimo e da pantomima e, finalmente, cada alumno creará unha pequena performance de tres minutos de duración que se representará no último día do curso.

Ligazóns