Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO CONTRIBÚE Á CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA DANZA CUNHA PROGRAMACIÓN ESPECIAL QUE DESENVOLVE ATA MAÑÁ SÁBADO EN SANTIAGO

A Mostra de Danza pecha a súa primeira edición con 10 propostas tradicionais, contemporáneas e de integración

[29/04/2011] A I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolve dende o pasado martes en Santiago de Compostela, chega mañá ao seu fin cunha intensa xornada durante a que se exhibirán un total de 10 propostas coreográficas a cargo doutras tantas formacións de danza tradicional, contemporánea e de integración. Finaliza así esta programación especial, deseñada polo Centro Coreográfico Galego (CCG) como achega ás celebracións do Día Mundial da Danza, que se conmemora hoxe, e co obxectivo de facilitar unha perspectiva das diferentes liñas de traballo dentro da escena coreográfica galega.

Lusco e Fusco

O cartel do encontro, que terá ofrecido un total de 37 actuacións na praza de Cervantes e no Salón Teatro, está pensado tanto para o público xeral como para a quincena de xestores culturais de dentro e fóra de Galicia que se dan cita estes días en Santiago. Diante deles, as compañías participantes presentan, a modo de showcases de entre 15 e 30 minutos de duración, unha mostra das súas máis recentes creacións, ademais de contar coa posibilidade de entrar en contacto directo cos programadores e distribuidores convidados no marco de reunións profesionais promovidas polo CCG.

Programación de rúa
Dúas agrupacións folclóricas, Xacarandaina da Coruña e Alxibeira de Narón, serán as encargadas de abrir o programa de rúa previsto para mañá, que dará comezo ás 12.30 horas na praza de Cervantes. A sesión matinal finalizará coa actuación de Lusco e Fusco (na imaxe), dúo integrado por Pablo Reboleiro e Alfredo Pérez, que sorprenderá aos viandantes coa súa combinación de danza, novo circo e teatro físico na peza Encontros.

Como nas xornadas anteriores, a Mostra trasladarase ao escenario do Salón Teatro xa pola tarde, comezando coas coreografías Al son del bastón e Tango, a cargo do grupo de danza da Asociación para a Integración do Neno Diminuído (AINDE). A danza como instrumento facilitador da integración e da concienciación social é igualmente o eixo do traballo desenvolvido por Eudanza, grupo do Centro de Integración e Innovación Psicopedagóxica O Pelouro, de Tui, que se presenta mañá en Compostela coa peza Corpos en movemento.

Coprodución do CCG
Nesta última sesión tamén hai lugar para compañías profesionais xa consolidadas, como Bstudio, que ofrecerá neste encontro un adianto de Nu Shu, a nova creación da súa fundadora e directora, Mª Dolores Mayán. En coprodución co Centro Coreográfico Galego, BStudio indaga a través desta peza na condición de muller, incidindo de novo na vertente social e sensibilizadora da danza.

A través do seu programa de Proxectos de Investigación Coreográfica, posto en marcha a finais do pasado ano, o CCG tamén apoia directamente outros dous dos traballos que se exhibirán mañá no Salón Teatro: A velocidade das cousas, de Mónica García, e No una explosión, un susurro, de Diciembre Dance Group. Nuria Sotelo, quen asina xunto a Ana Vallés a coreografía Métanse nos seus asuntos, e a compañía Entremans coa peza en clave de humor Blondy’s Coffee completan o cartel da xornada de clusura.

As entradas para asistir a estas últimas representacións no Salón Teatro poden adquirirse no seu despacho de billetes, que permanece aberto durante a celebración da Mostra, ou a través da billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. O seu prezo é de 5 euros, mentre que o acceso ás actuacións na praza de Cervantes é libre.

Documentación