Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O DIRECTOR DA AGADIC COMPARECEU A PETICIÓN PROPIA DIANTE DA COMISIÓN 4ª DE EDUCACIÓN E CULTURA DO PARLAMENTO PARA DETALLAR AS PRINCIPAIS ACTIVIDADES DESTA CONMEMORACIÓN

Fasero destaca a celebración do Ano da Música como "necesidade estratéxica" para artistas e creadores

[10/05/2011] O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, interveu hoxe diante da Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia para detallar a programación especial do Ano da Música, celebración promovida en 2011 pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo. Na súa comparecencia a petición propia, Fasero incidiu na oportunidade e relevancia desta celebración como "necesidade estratéxica" para os artistas e creadores galegos cara a unha maior visibilidade social do seu traballo e da emerxencia deste sector no conxunto das industrias culturais.

Imaxe do Ano da Música

Neste sentido, para o director da Agadic a relevancia desta conmemoración maniféstase non só no volume e variedade das actividades programadas, con máis de mil actos previstos, senón tamén a través da estreita colaboración entre a Consellería de Cultura e o sector musical galego, implicado directamente no deseño e desenvolvemento das principais iniciativas do Ano da Música. O obxectivo común é, segundo Fasero, a posta en valor da música como manifestación cultural propia e como industria cultural estratéxica que, malia a actual conxuntura económica, confírmase como unha "posibilidade laboral con futuro".

Cultura de base e excelencia artística
O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais debullou ante a comisión parlamentaria as liñas programáticas desta celebración, articulada en torno a dous eixos principais. Dunha banda, a cultura de base, de acordo coa que se elaborou unha oferta plural e participativa, coa amplitude na distribución e a variedade estilística como premisas. Doutra, a elite de coñecemento, entendida como o achegamento á cidadanía galega de propostas da maior calidade e excelencia artística.

A posta en marcha de circuítos específicos, a promoción de festivais, a organización de concertos coa Cidade da Cultura como escenario ou a creación da figura dos embaixadores da música e dos Premios da Música de Galicia son algunhas das principais iniciativas deste acontecemento que, segundo explicou Fasero, se presentará así mesmo fóra de Galicia a través da participación conxunta da música galega en citas de relevancia estatal e internacional, como o festival Primavera Sound, que se celebra a finais deste mes de maio en Barcelona coa presenza de seis bandas galegas no seu cartel Pro, ou os Veranos de la Villa de Madrid, que no mes de xullo ofrecerá cinco concertos de artistas galegos.

Galicia é Música
Xunto co reforzo da programación musical nos circuítos de distribución de espectáculos promovidos pola Agadic (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Camiños de Cultura), a entidade da Consellería de Cultura pon en marcha este verán un programa específico que, baixo o título "Galicia é Música", percorrerá preto de 50 concellos coa participación dalgúns dos intérpretes e músicos galegos máis recoñecidos.

Ademais, Juan Carlos F. Fasero definiu os ciclos e festivais como outra das pezas clave nesta programación, a través do apoio ás principais citas coa música clásica, folk, pop, rock, electrónica, indie, etc., que están a confirmar a Galicia como referente canto a oferta musical para todos os públicos. Festivais de gran arraigo, como o de Ortigueira, ou de nova creación, como o Música Activa ou o Internacional Rías Biaxas, conviven neste calendario con outros eventos que se consolidan este ano: Sónar Galicia, Vigo Transforma, Via Stellae, Sinsal, Espazos Sonoros, o ciclo Galicia Classics, Galicia Importa ou os vinte festivais apoiados a través da iniciativa Galicia Ao Vivo, xurdida o ano pasado ao abeiro do Xacobeo 2010.

A Cidade da Cultura súmase ao Ano da Música cun conxunto de actividades que converterá o complexo nun versátil palco aberto á difusión da música baixo a denominación de Escenario Gaiás. Ademais de concertos singulares en emprazamentos ao aire libre durante os meses de verán, dúas agrupacións musicais, con distintos estilos dentro da música contemporánea, protagonizarán cadanseu ciclo de actuacións: o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) e a Orquestra de Música Espontánea de Galica (O.m.e.ga).

Embaixadores de Galicia
Como explicou o director da Agadic, a Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con catro dos nomes galegos con maior proxección dentro do panorama musical internacional, tamén pon en marcha este ano a figura dos embaixadores da música como nova estratexia de difusión e promoción exterior da música galega e do conxunto da nosa cultura. Berrogüetto, Luar na Lubre, Mercedes Peón e Xoel López son os catro grupos e artistas seleccionados para exercer como embaixadores musicais de Galicia, de acordo co seu amplo recoñecemento internacional e a extensión e repercusión das xiras que están a desenvolver durante 2011. En todas elas, a marca Galicia e a referencia á celebración do Ano da Música estarán moi presentes.

Con motivo do Ano da Música, impúlsase ademais a creación dos Premios da Música de Galicia como evento de periodicidade anual a través do que articular unha nova canle de promoción e proxección da produción musical con sinatura galega. Estes galardóns aspiran a converterse, así mesmo, nunha marca de prestixio a través da que se recoñeza publicamente as mellores iniciativas musicais do ano, coa súa conseguinte repercusión a nivel promocional, e se estreiten lazos entre os distintos ámbitos profesionais implicados.