Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE DIRIXIDA POR ÁLEX SAMPAIO ABORDA A CONCIENCIACIÓN MEDIOAMBIENTAL A TRAVÉS DUNHA TRAMA BASEADA EN "HANSEL E GRETEL"

A compañía compostelá Redrum estrea no Salón Teatro "Moito Conto", unha comedia musical para público familiar

[13/05/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana a estrea de Moito Conto, a última proposta escénica para público familiar de Redrum Producciones, na que o cineasta lalinense Álex Sampayo dirixe un texto propio escrito en colaboración con Guillermo Carbajo e Tamara Canosa a partir do popular Hansel e Gretel dos irmáns Grimm. O escenario do Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá dúas funcións desta comedia musical recomendada para maiores de 6 anos, que terán lugar o sábado 14 e o domingo 15 ás 18:00 horas.

Moito conto

A compañía compostelá, que realizou unha residencia de varios días previos á estrea na nave de servizos técnicos da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), persegue a través do seu espectáculo a concienciación medioambiental. O método empregado é a reformulación de contos tradicionais coñecidos por todos, co obxectivo de estimular a creatividade dos máis pequenos e chegar aos recordos dos maiores, convidándoos a ser nenos de novo, conxugar diferentes mensaxes e romper os prexuízos preconcibidos. Ao tempo, contribúen á idea central da montaxe os textos das cancións e a utilización escenográfica de materiais reciclados.

A interpretación corre a cargo de Mónica García, no papel da malvada madrasta e da manipuladora froiteira; Guillermo Carbajo como Pepiño, un Peter Pan diferente, obsesionado por crecer e converterse nun adulto; e Tamara Canosa como Manola, a irmá de Pepiño, unha rapaza inqueda e impulsiva. Para a posta en escena desta peza, a propia compañía fíxose cargo do deseño da escenografía, Manuel Riveiro asumiu o espazo sonoro e Carlos Álvarez-Ossorio, a iluminación.

Cambiar defectos por virtudes
Tomando como pretexto o famoso conto dos irmáns Grimm Hansel e Gretel, a peza amosa as aventuras de Pepiño e Manola, dous rapaces que, enganados pola súa madrasta, acabarán perdidos no bosque e vivirán unha aventura que os cambiará para sempre: os nenos terán nas súas mans o destino dos contos e dos soños e terán que salvalo convertendo o que consideraban defectos en virtudes.

Como ensinanza desta historia afloran valores tales como a autoestima e a aceptación da nosa identidade, as relacións de complicidade fraternal, a importancia de aprender a escoitar e a pensar antes de actuar ou o valor do traballo en equipo.

Un 100% ecolóxico
Moito Conto posúe unha filosofía medioambiental que, presente en todo o proceso de produción, levou á compañía a cualificar o espectáculo como "100% ecolóxico". O principal obxectivo é educar e sensibilizar sobre a importancia da reciclaxe e da reutilización, a separación do lixo, o respecto ao ambiente, o uso responsable da auga e da enerxía e a adopción de estilos de vida saudables e pautas de comportamento respectuosos co contorno natural.

Esta mensaxe ecolóxica non só está implícita no texto e nas cancións da obra, senón que tamén é visible na escenografía e no atrezzo, construídos con materiais completamente reciclados ou reciclables, así como no uso de iluminación LED para conseguir un maior aforro enerxético e reducir o impacto ambiental. Con esta fórmula, Redrum pretende iniciar un novo camiño na concepción das postas en escena, a través dunha alternativa pioneira, viable, ecolóxica, eficiente e estética.

Formación audiovisual
Redrum Producciones é unha compañía creada en 2009 por mozos e mozas procedentes de diversos campos do sector audiovisual, que naceu coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Entre as súas máximas destaca a posta en escena de espectáculos dirixidos directamente ao público, primando a claridade nas historias pero sen esquecer un coidado concepto artístico. A súa primeira montaxe foi A Pensión, con Álex Sampayo como director escénico debutante e protagonizada pola actriz Rosa Álvarez.

As entradas para as dúas funcións de Moito Conto poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 16:00 horas. Xa está dispoñible ademais a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun descontó do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de cinco euros para o domingo, día do espectador.

Documentación