Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ACORDO ENTRE O CDG E O FESTIVAL LUSO POSIBILITARÁ TAMÉN A PRESENZA DOS GALEGOS DE VOADORA CON "SUPER8" EN PORTO

O Salón Teatro acolle a exposición "Contrapontos visuais" e o monólogo "Medea llama por cobrar" como extensión do FITEI

[18/05/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) acordou un plano de intercambio artístico co Festival Internacional de Expressão Ibérica (FITEI) de Porto (Portugal), polo que o Salón Teatro de Santiago acollerá a exposición itinerante de fotografías "Contrapontos Visuais" e a posta en escena da montaxe Medea llama por cobrar, a cargo da compañía ecuatoriana Zero no Zero Teatro. No marco desta mesma iniciativa, que por terceira edición consecutiva acada a unidade teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a compañía galega Voadora presentará o seu espectáculo Super8 no festival luso.

Imaxe da exposición "Contrapontos Visuais"

Por primeira vez, o patio de butacas do Salón Teatro convértese en espazo expositivo para acoller unha escolma de 30 instantáneas de gran formato realizadas por Susana Neves e Pedro Sottomayor sobre tres edicións (2006, 2007 e 2008) do FITEI. Entre as imaxes destes dous artistas portugueses especializados en fotografía de escena figuran dúas do espectáculo Corpos Disidentes, da compañía galega Nut Teatro.

Contrapontos Visuais, que pode contemplarse ata finais de xuño, revela a multiplicidade de miradas complementarias presentes no espírito do FITEI, un festival de teatro que nos últimos anos abriu os seus diferentes escenarios a outras prácticas artísticas, como performances, artes visuais ou literatura.

Sobre a emigración
A extensión escénica en Compostela do FITEI materializarase tamén no Salón Teatro o próximo mércores 1 de xuño coa representación da clásica historia grega de Medea e Jasón, coñecida pola dramatización de Eurípedes, Medea llama por cobrar. A compañía ecuatoriana Zero no Zero Teatro recrea nesta peza de Peki Andino, considerado un dos más irreverentes autores do teatro contemporáneo de Ecuador, unha historia que aborda o tema da emigración, en concreto dos emigrantes ecuatorianos que viaxaron aos Estados Unidos.

O espectáculo comeza cunha chamada feita a Ecuador desde a Estación Central de Nova York, onde Medea informa o seu marido que cumpriu o obxectivo da viaxe, contándolle todas as peripecias por que pasou, tales como o tráfico de drogas, a mendicidade, ou as condicións precarias de traballo.

Interpretada en solitario pola actriz María Beatriz Vergara, este monólogo amosa dunha forma tan crúa como conmovedora os peores anos da historia de Ecuador, cando a finais do século XX e debido a unha grave crise económica, rexistrou a maior onda de emigración.

Como contrapartida, a compañía galega Voadora presentará diante do público do FITEI o vindeiro 4 de xuño o seu espectáculo Super8 que, baixo dirección escénica de Marta Pazos, foi realizado en 2010 en réxime de coprodución co Centro Dramático Galego.

As entradas para a función única de Medea llama por cobrar están xa dispoñibles a través da venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. Poranse tamén á disposición do público no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da función. O prezo das localidades é de 10 euros, cun descontó do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.