Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS INTEGRANTES DA BANDA, EMBAIXADORA DO ANO DA MÚSICA DE GALICIA, FAN BALANCE DA SÚA TRAXECTORIA E FALAN DOS SEUS PRÓXIMOS PROXECTOS

A revista Ao Vivo Música dedica a portada do seu novo número ao décimo quinto aniversario de Berrogüetto

[23/05/2011] A música folk volve ocupar a portada da revista Ao Vivo Música, que dedica a reportaxe central do seu número 9 ao grupo Berrogüetto co gallo da celebración do seu décimo quinto aniversario. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de editar esta nova entrega da publicación, que distribúe de xeito gratuíto a través das salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de difundir a actividade deste circuíto, así como de promover os grupos e intérpretes galegos de diferentes estilos.

Detalle da portada do nº 9 de Ao Vivo Música

Berrogüetto, que acaba de recibir o "Premio de la Música" á mellor canción en galego por Alalá da noite, estrea tamén a súa condición de grupo embaixador da música de Galicia, segundo a figura creada pola Consellería de Cultura e Turismo con motivo da declaración de 2011 como Ano da Música de Galicia. Esta conmemoración centra outra das reportaxes da revista, que afonda ademais no bo momento que vive a nosa música indie a raíz da ampla representación de grupos galegos que tocarán esta semana no Primavera Sound de Barcelona.

O terceiro disco do grupo folk-punk Ulträqäns e a proposta didáctica de Pesdelán protagonizan, ademais, dúas das seccións habituais da revista -"Detrás da canción" e "Un día con", respectivamente-, mentres que Bieito Romero, de Luar na Lubre; Emilio López, de Safari Orquestra; e Roberto Sobrado asinan cadansúa colaboración. Carlos Gil (La Familia), Manuel Seoane (Esenia), Carlangas Pereiro (Novedades Carminha) e a sala Clandestino de Nigrán figuran tamén neste número de maio, que nos achega así mesmo oito novidades do mercado discográfico galego.

A Agadic edita tres números de Ao Vivo Música ao ano, cunha tiraxe media de 7.000 exemplares, que poden descargarse na súa versión dixital a través da web www.agadic.info.

Ligazóns