Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO PRESENTOU A APERTURA EN COMPOSTELA DESTA MOSTRA ITINERANTE PROMOVIDA POLA XUNTA DE GALICIA, A FUNDACIÓN PENZOL E A EDITORIAL GALAXIA

A Casa da Parra acolle a exposición "No niño novo do vento", que conmemora o centenario de Cunqueiro

[23/05/2011] A Casa da Parra de Santiago de Compostela acolle ata o vindeiro 26 de xuño a exposición itinerante No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011, coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense mediante a mostra de todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu hoxe a presentación desta iniciativa que promoven a Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia baixo o comisariado de María García Liñeira e Víctor F. Freixanes. Ao acto asistiron ademais o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e o representante da Fundación Penzol, Henrique Monteagudo.

No niño novo do vento estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.

Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, a mostra No niño novo do vento "concédenos a oportunidade de pasear polo singular mundo que Cunqueiro creou e afondar nas raíces mesmas do noso país a través dos lentes do escritor de Mondoñedo". "Neste Ano Cunqueiro no que estamos inmersos esta exposición e a mellor forma de festexar a perenne vixencia e modernidade dun dos meirandes escritores das nosas letras", engadiu.

En palabras de Roberto Varela, "a lectura e a relectura de Cunqueiro, ademais do xenuíno pracer da literatura, achéganos un universo único, un universo no que Galicia ten o papel protagonista". Varela mostrouse convencido de que Galicia "seguirá viaxando durante moitos anos na prosa e nos versos de Cunqueiro, porque a súa obra -como ocorre sempre cos autores orixinais e xeniais- é universal, intemporal e imperecedoira".

O titular de Cultura e Turismo afirmou que "a inigualable capacidade para a fantasía, sempre da man dunha amplísima cultura, fan de Cunqueiro un escritor inesgotable". "A súa obra é -en conxunto- unha sorte de enciclopedia fantástica sobre Galicia e os galegos, aos que definía como homes e mulleres moi particulares: credores e máxicos, e, ao mesmo tempo, escépticos e racionalistas", asegurou.

Afán didáctico
Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria.

Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.

Reprodución do seu estudio
A parte máis identificativa da mostra é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.

No niño novo do vento inaugurouse o pasado 15 de abril no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo e, despois da súa estadía en Compostela, ten previsto visitar ao longo de todo o ano Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido en Vigo cunha instalación que ocupará a Fundación Penzol a finais de decembro.

Na Casa da Parra, a exposición, de acceso gratuíto, poderá ser visitada dende hoxe e ata o 26 de xuño, de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Esta é primeira actividade do emblemático espazo expositivo da Xunta de Galicia ubicado na compostelá Praza da Quintana que se leva a cabo despois da súa incorporación á estrutura orgánica da Axencia Galega das Industrias Culturais, como resultado da reordenación de competencial interna emprendida pola Consellería de Cultura e Turismo.

Documentación