Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INCORPÓRASE UN APARTADO PARA SALAS DE MÚSICA AO VIVO, MENTRES QUE O APOIO ÁS COMPAÑÍAS RESIDENTES E AO ASOCIACIONISMO PROFESIONAL MATERIALIZARASE MEDIANTE CONVENIOS

A Agadic convoca as axudas ás industrias culturais 2011 por un importe total de 1.370.000 euros

[24/05/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo publicou hoxe a súa convocatoria de subvencións ás industrias culturais galegas para 2011, á que destina un importe global máximo de 1.370.000 euros que serán distribuídos entre seis modalidades de apoio ao sector: actividade escénica, programa Crédito-Cultura, promoción e difusión de traballos discográficos, distribución, programación das salas privadas de exhibición escénica e mellora técnica de estudios de gravación e salas de música ao vivo.

En canto ao apoio público ás compañías escénicas residentes e ao asociacionismo profesional, que nas anteriores convocatorias figuraban como parte das categorías obxecto de subvención, en 2011 pasará a materializarse directamente a través dos convenios de colaboración que a Agadic asinará coas compañías residentes galegas (neste momento, Chévere en Santiago de Compostela, Sarabela Teatro en Ourense e Teatro do Morcego en Narón), así como coas principais asociacións profesionais do sector cultural. O obxectivo en ambos casos é atender ás especificidades e necesidades propias dos solicitantes no conxunto das industrias culturais galegas.

Nova produción
O 62 por cento da contía total (850.000 euros) resérvase para as axudas á nova produción escénica e á continuidade da actividade no caso dos espectáculos que contaron con subvención á produción en 2010. Nesta modalidade A mantense o criterio clasificador introducido na convocatoria do ano pasado e que vén fixado en función do tamaño dos espectáculos no canto de polo xénero escénico (teatro, danza, maxia). Así, as seis subcategorías inscritas neste apartado refírense a empresas de nova creación, á produción de espectáculos de pequeno formato, de mediano formato e de gran formato, á produción de espectáculos de novas tendencias, contemporáneos ou de autor e á continuidade da actividade.

A modalidade B destina 10.000 euros ao programa Crédito-Cultura, a través do que a Agadic promove o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario cara á produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural. No caso concreto da produción e promoción dos traballos discográficos, a contía máxima do apoio cífrase en 80.000 euros, orzamento a través do que se mantén o apoio institucional á industria discográfica galega, con especial atención a aqueles proxectos que aposten pola adaptación tecnolóxica ao novo escenario dixital.

Proxección exterior
Canto ao resto do orzamento, un total de 300.000 euros resérvase para as axudas á distribución (mod. D) a través das que se apoiará a distribución exterior de espectáculos escénicos e musicais, a asistencia a feiras e mercados dos diferentes ámbitos culturais e a contratación exterior de montaxes galegas no marco da Feira Galega das Artes Escénicas. A partida para as salas de teatro e artes escénicas privadas (mod. E) será de 80.000 euros, mentres que outros 50.000 euros corresponden á modalidade F, na que xunto cos estudios de gravación, as salas adscritas á Rede Galega de Musica ao Vivo poderán optar por vez primeira a estas axudas co obxectivo de impulsar a súa modernización tecnolóxica e, en consecuencia, a mellora das condicións nas que se desenvolven as actuacións en directo.

Segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o período de presentación de solicitudes esténdese ata o 24 do próximo mes de xuño, agás nos casos especificados para as modalidades B e D. A documentación recibida na forma e prazo establecidos será avaliada por dúas comisións: unha para axudas á actividade escénica e ás salas privadas de exhibición e outra para as de produción e promoción de traballos discográficos e para as de mellora técnica de estudios de gravación e salas de música ao vivo. No resto dos casos, a concesión é automática unha vez certificado que o solicitante reúne todos os requirimentos esixidos.

Documentación