Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE REPRESÉNTASE O MÉRCORES 1 ÁS 20.30 HORAS COMO FROITO DUN ACORDO DE INTERCAMBIO ARTÍSTICO ENTRE O CDG E O FITEI DE PORTUGAL

O Salón Teatro pecha a temporada de exhibición 2010-2011 co espectáculo "Medea llama por cobrar", da compañía de Ecuador Zero no Zero

[30/05/2011] O Salón Teatro, espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago de Compostela, congregou un total de 12.706 espectadores nas 116 funcións desenvolvidas na temporada de exhibición 2010-2011, ciclo que finaliza este mércores día 1 de xuño coa posta en escena da montaxe Medea llama por cobrar, da compañía ecuatoriana Zero no Zero Teatro, en visita a Compostela como extensión do FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica) de Porto, Portugal.

Medea llama por cobrar

Desenvolvida por 64 formacións de distintas procedencias artísticas e xeográficas, a programación 2010-2011 do Salón Teatro concedeu especial protagonismo á oferta teatral con 28 espectáculos, 23 deles a cargo de compañías galegas. Neste apartado rexistrouse tamén a estrea da produción do CDG Salomé, que reuniu un total de 2.710 espectadores nas 20 funcións ofrecidas, así como a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que durante cinco días congregou a un público familiar cifrado en 886 persoas.

Cómpre destacar tamén na programación os 1.027 espectadores que acudiron ás 7 citas musicais concertadas, así como a I Mostra de Danza de Galicia, na que baixo a organización do Centro Coreográfico Galego se deron cita 27 formacións galegas de moi diferentes estilos.

Espectáculo e exposición
Como colofón á temporada escénica e froito dun acordo de intercambio artístico asinado entre o CDG e o FITEI, o Salón Teatro acollerá este mércores 1 de xuño ás 20.30 horas a posta en escena da obra Medea llama por cobrar, a cargo da agrupación ecuatoriana Zero no Zero Teatro. Ademais, e dentro do mesmo acordo, o patio de butacas do Salón Teatro convértese por vez primeira en espazo expositivo para acoller unha escolma de 30 instantáneas de gran formato realizadas por Susana Neves e Pedro Sottomayor sobre tres edicións (2006, 2007 e 2008) do FITEI. Entre as imaxes destes dous artistas portugueses especializados en fotografía de escena figuran dúas do espectáculo Corpos disidentes, da compañía galega Nut Teatro. Contrapontos Visuais revela a multiplicidade de miradas complementarias presentes no espírito do FITEI, un festival de teatro que nos últimos anos abriu os seus diferentes escenarios a outras prácticas artísticas, como performances, artes visuais ou literatura.

No marco desta mesma iniciativa de intercambio artístico, que por terceira edición consecutiva acada a unidade teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a compañía galega Voadora presentará o seu espectáculo Super8 o sábado 4 ás 18.30 horas no festival luso.

Do mellor da última década
Escrita e dirixida por Peky Andino, Medea llama por cobrar sérvese da traxedia grega creada por Eurípides para amosar dunha forma tan crúa como conmovedora os peores anos da historia de Ecuador, cando a finais do século XX e debido a unha grave crise económica, rexistrou a maior onda de emigración. A actriz María Beatriz Vergara interpreta en solitario este monólogo duns 75 minutos de duración que foi estreado en Quito en maio de 2001 e cualificado pola crítica especializada como unha das mellores obras de teatro ecuatoriano da última década.

O espectáculo comeza cunha chamada feita a Ecuador desde a Estación Central de Nova York, onde Medea informa o seu marido de que finalmente terminou a súa busca e que atopou os seus fillos, perdidos nos Estados Unidos. Sentada sobre un banco -único elemento escenográfico-, cóntalle todas as peripecias polas que pasou, tales como o tráfico de drogas, a mendicidade, ou as condicións precarias de traballo. Pero cando debería dar por terminada a súa misión, ambos os dous berran, e Medea condea o seu marido a morrer só.

Zero non Zero foi dende o seu nacemento, en 1997, parte relevante da vangarda do teatro ecuatoriano, xa que levou á escena nacional e internacional dramas conmovedores e comedias polémicas. Entre as súas postas en escena máis importantes figuran Kito kon k, Edipo y su señora mamacita, Sacrificios del alma, Que te perdone Dios, yo no, Hasta nunca clase media, Eres Perla que te hundiste, Ser mamá o morir en el intento, e os espectáculos infantís: El león enamorado e El club de los traviesos.

As entradas para a función única de Medea llama por cobrar están xa á venda na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e no teléfono 902 43 44 43. No Salón Teatro poden mercarse o día da función a partir das 18.30 h. O prezo é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.