Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SAN SIMÓN ACOLLEU O ACTO DE CLAUSURA "NA SENDA DE CREATIVA", COAS PRESENTACiÓNS DA MEMORIA DE ACTIVIDADES E A GUÍA INTERACTIVA DOS CASTROS DE GALICIA E NOROESTE DE PORTUGAL

A Agadic pecha o programa CREATIVA cun balance de máis de 50 accións de encontro cultural entre Galicia e o Norte de Portugal

[15/06/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo pechou hoxe o programa transfronteirizo CREATIVA 2009-2011, cun balance que supera o medio centenar de accións de encontro e intercambio cultural e multidisciplinario entre Galicia e o Norte de Portugal. O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, presidiu o acto de clausura que, baixo o título Na senda de Creativa, se celebrou esta tarde na Illa de San Simón e durante o que presentou a memoria de actividades deste proxecto, impulsado xunto coa Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministério da Cultura portugués dentro do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

Acto de clausura de Creativa

Na súa intervención, Fasero incidiu na intensidade e amplitude de CREATIVA, que comezou a materializarse en decembro de 2009 e desenvolveu desde entón un total de 10 foros sectoriais, 30 citas escénicas, musicais, expositivas e formativas, tres coproducións de espectáculos e un amplo programa de accións específicas no marco de 13 encontros artísticos e profesionais en ámbitos como a escena, a música, o audiovisual ou o produto gráfico, entre outros.

Valor de futuro
Ao tempo que cualificou de moi positivo este balance global de actividades, o director da Agadic subliñou o "valor de futuro" do programa como "catalizador de sinerxías de traballo e experiencias frutíferas" que poden ser xermolo de novas iniciativas de colaboración e desenvolvemento conxunto das industrias culturais de ambos países. Nesta liña, anunciou a posta en marcha dun proxecto para a creación na Illa de San Simón do Laboratorio Permanente das Industrias Culturais, desde o que se impulsarán investigacións relacionadas co sector, ademais de organizar accións formativas, residencias artísticas, foros e congresos profesionais e accións concretas de intercambio entre Galicia e o Norte de Portugal, entre outras actividades.

A Agadic e a Fundación Illa de San Simón, en colaboración co Consello da Cultura Galega, promoven esta iniciativa, para a que se contará así mesmo con achegas académicas desde o ámbito universitario galego. A súa prioridade será favorecer o crecemento do sector e protexer a diversidade cultural, impulsando as investigacións precisas para xerar a información que permita tanto fortalecer as pequenas e medianas empresas, os emprendedores e as organizacións sen ánimo de lucro, como proporcionar datos obxectivos cara ao deseño e planificación de políticas públicas neste eido.

Tal e como especificou Fasero, o traballo deste Laboratorio Permanente partirá, pois, do recoñecemento da "capacidade contrastada" das industrias culturais na xeración de riqueza e emprego, a configuración das identidades culturais e a expresión da diversidade creativa da nosa sociedade.

Sistemas web
Ao acto de clausura, que finalizou coas actuacións do grupo galego Eladio y Los Seres Queridos e do portugués David Fonseca, asistiron representantes das principais institucións, entidades e empresas implicadas nos proxectos desenvolvidos durante estes últimos 20 meses no marco de CREATIVA. Neste evento presentouse, así mesmo, a Guía interactiva dos castros de Galicia e Noroeste de Portugal, unha das ferramentas web xurdidas no seo deste programa e que, xunto coa Guía de recursos sobre as industrias culturais galegas, está a disposición dos usuarios interesados a través da páxina web www.creativacultural.com.

Celso Campos, profesor titular da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e coordinador da guía, explicou o proceso de construción e o funcionamento deste sistema web que permite a navegación interactiva polos castros recollidos, á súa vez, na guía do proxecto Castrenor, tamén desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo, neste caso a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Impulsado pola Agadic, esta ferramenta foi realizada por un equipo de especialistas da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, en colaboración coas empresas Redegal e NovoMilenio. O sistema proporciona un contorno de navegación xeoposicionado, de contidos tridimensionais, dos castros máis relevantes a ambos lados da actual liña divisoria entre Galicia e Portugal: un total de 12 castros, seis deles nas provincias de Ourense e Pontevedra e outros seis en Braga e Viana do Castelo. Ademais, a guía pretende converterse nun punto de encontro dixital, no que investigadores e visitantes poidan compartir opinións, ideas e contidos sobre a cultura castrexa a través do seu blog e o seu repositorio.

Ligazóns