Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A AGADIC PROMOVE ESTE CICLO ESPECIAL DE CINCO CONCERTOS QUE SE CELEBRARÁ DO 30 DE XUÑO AO 21 DE XULLO DENTRO DA PROGRAMACIÓN DOS VERANOS DE LA VILLA

O Ano da Música de Galicia chega a Madrid con Uxía, Cristina Pato & Rosa Cedrón, Banda Crebinsky, Ialma, e Mercedes Peón

[22/06/2011] A celebración do Ano da Música de Galicia estenderase a partir da vindeira semana a Madrid a través dun ciclo especial de cinco concertos de artistas e grupos galegos dentro da programación do festival Veranos de la Villa. Uxía, Cristina Pato & Rosa Cedrón, Banda Crebinsky, Ialma e Mercedes Peón actuarán entre o 30 de xuño e o 21 de xullo no novo auditorio do Espacio Conde Duque, onde se presentarán baixo o lema "Música de Galicia en Madrid" e co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

Presentación Veranos de la Villa

O famoso festival madrileño, que este ano celebra a súa vixésimo sexta edición, desenvolverase nunha decena de espazos da cidade ata finais de agosto, ofrecendo máis de 120 citas escénicas e musicais de todos os estilos. Nesta intensa carteleira figuran, ademais, outros tres representantes da música galega: Fon Román, Iván Ferreiro e Baldo Martínez-Mayte Dono, que actuarán tamén no renovado Espacio Conde Duque.

Proxección exterior
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, participou hoxe en Madrid na presentación dos Veranos de la Villa xunto co seu director, Manuel Gutiérrez, e o director da axencia Stage Planet -responsable da produción-, Ignacio Marín. Na súa intervención, Fasero subliñou a calidade artística de cada un dos representantes galegos neste programa e incidiu, igualmente, na relevancia da celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia como "posta en valor" do traballo dos músicos galegos, así como para impulsar a súa visibilidade social e a súa proxección exterior.

Neste sentido, o director da Agadic destacou a creación da figura dos embaixadores da música -entre os que se atopa Mercedes Peón, xunto con Berrogüetto, Luar na Lubre e Xoel López- como nova estratexia de difusión e promoción exterior da música galega e do conxunto da nosa cultura. No seu percorrido polas principais liñas da programación deste Ano da Música, Fasero detívose ademais no espectáculo do Centro Dramático Galego "A ópera dos tres reás" que, baixo a dirección de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonista, estréase mañá en Santiago e será representado no Teatro Fenán Gómez de Madrid do 20 ao 31 de xullo.

O ciclo galego nos Veranos de la Villa acompañarase dunha ampla campaña de difusión, que inclúe a retransmisión dos cinco concertos a través de RNE-Radio 3 e da Radio Galega, ademais dunha extensa pegada de carteis xenéricos e de cada artista. Organizaranse, así mesmo, accións de promoción asociadas a cada un dos recitais e protagonizadas polas propias bandas e intérpretes.

Viaxe a Brasil con Uxía
Uxía abrirá esta programación o xoves 30 de xuño cun concerto no que presentará Meu canto, disco que acaba de saír ao mercado. Neste novo traballo, ofrece unha relectura dos temas fundamentais do seu repertorio xunto con outros que nunca abordara con anterioridade. A intérprete galega, que hoxe realizará un ensaio aberto do seu novo espectáculo no Salón Teatro de Santiago, propón unha viaxe musical a Brasil, onde gravou Meu canto xunto co prestixioso produtor Jaime Alem -colaborador habitual de María Bethânia- e co músico Sérgio Tannus, ademais de contar coa achega de Lenine, con quen interpreta o tema Os teus ollos.

Cristina Pato e Rosa Cedrón preséntanse no Espacio Conde Duque o 7 de xullo co seu novo proxecto conxunto, Soas, a través do que buscan achegar a música clásica a todos os públicos, ao tempo que amosan que a tradición musical galega está dotada dun rexistro tan amplo que permite a incorporación natural e homoxénea de elementos orquestrais. Muller é o título do primeiro disco xurdido desta colaboración, a través da que Cristina Pato, ao piano, e Rosa Cedrón, na interpretación vocal, propoñen un novo achegamento a temas tan significativos como María Soliña, Unha noite na eira do trigo ou Heicho de dar.

Cine e música
O día 14 será a quenda da Banda Crebinsky, que actuará ás 21.00 horas e inmediatamente despois da proxección do filme dirixido por Enrique Otero. O grupo xurdiu precisamente a raíz da gravación da banda sonora de Crebinsky en 2009, cuxos temas interpreta en directo cunha singular posta en escena. Caracterizados como unha banda militar da era soviética, os seus integrantes protagonizan un desfile sonoro de ritmos balcánicos, que chega a Madrid precedido dun importante éxito de público durante as súas actuacións en diferentes localidades galegas, así como no Festival de Cine de Málaga.

No seu concerto do 16 de xullo, Ialma presentará o seu disco Simbiose, co que este grupo de cantareiras de orixe galega, aínda que residentes en Bruxelas, celebra o seus 10 anos de traxectoria. A través da posta en escena ideada pola coreógrafa italiana Katina Genero, as cinco compoñentes de Ialma dotan dunha dimensión máis internacional ao seu directo, sen perder a súa raíz: a mestura do son tradicional propio das cantareiras con melodías e arranxos tirados da música pop.

Mercedes Peón será a encargada de pechar este cartel galego nos Veranos de la Villa de Madrid, onde chega precedida do gran éxito internacional de …---… (Sós), o seu máis recente traballo discográfico, co que se mantivo durante máis de dous meses como número un da prestixiosa lista World Music Charts Europe. Mercedes Peón fai gala neste disco dun momento da súa carreira especialmente brillante e cunha forte proxección internacional. Creado, tocado, producido e mesturado por ela mesma, trátase dun exercicio de microcomposición que se erixe como o seu traballo máis vangardista e contemporáneo ata o momento.

Ligazóns