Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEATRO JOFRE ACOLLE DÚAS FUNCIÓNS O SÁBADO 2 ÁS 22.00 HORAS E O DOMINGO 3 ÁS 20.30, TRAS UNHA EXITOSA ESTREA EN SANTIAGO QUE CONGREGOU 4.000 PERSOAS EN CATRO DÍAS

O Centro Dramático Galego inicia en Ferrol a xira de 'A ópera dos tres reás'

[30/06/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) inicia esta fin de semana en Ferrol a xira de A ópera dos tres reás, primeiro gran espectáculo musical da compañía pública, que sube ás táboas da man de Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e con Luis Tosar no papel protagonista. Tanto o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, como a súa ampla distribución dentro e fóra de Galicia, sitúan esta versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento pola compañía da Consellería de Cultura e Turismo.

A ópera dos tres reás

O Teatro Jofre acollerá o sábado 2 de xullo, ás 22.00 horas, e o domingo 3, ás 20.30 h, senllas funcións que foron presentadas hoxe no Concello de Ferrol por Susana Martínez Galdós, concelleira de Cultura; Blanca Cendán, directora do CDG; Quico Cadaval, director do espectáculo; e Marcos Orsi, actor que interpreta a JJ Peachum. A ópera dos tres reás, que nas súas catro primeiras funcións en Santiago foi vista xa por 4.000 espectadores, conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, así mesmo, na programación do Ano da Música de Galicia.

Esixente posta en escena
Tosar, para quen o papel de Mackie Messer (Makie da Faca) supón o seu regreso ao teatro tras cinco anos dedicado con grande éxito ao cine e á música, encabeza o destacado elenco de 11 actores-cantantes galegos que enfronta esta esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración: ademais de Luis Tosar, Marcos Orsi, Muriel Sánchez e Begoña Santalices, nos papeis protagonistas, así como César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos ¬-Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto -a través do que Blanca Cendán materializa a súa aposta polo teatro musical de gran formato como unha das súas liñas de xestión á fronte do Centro Dramático- figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Universo "brechtiano"
Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Venda de entradas
As entradas para asistir ás funcións de A ópera dos tres reás en Ferrol poden adquirirse a través da web do Teatro Jofre (www.ferrol.es/jofre) ou no Punto de Información Cultural do mesmo teatro, aberto ata o venres de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 h, o sábado 2 de 11.00 a 13.00 e de 19.30 a 22.00 horas e o domingo 3 de 18.00 a 20.30 horas. O preso das localidades é de 15 euros.

Trala súa representación en Ferrol, A ópera dos tres reás continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro. No mes de xullo, presentarase tamén en Pontevedra (días 8 e 9) e en Madrid, con dúas semanas de funcións no Teatro Fernán Gómez a partir do día 20. Outras das localidades incluídas nesta ampla xira son Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (do 9 ao 10 de setembro), A Coruña (17 e 18 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Documentación