Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ROBERTO VARELA PRESENTOU AS CITAS DE ‘GALICIA É MÚSICA’ E ‘CAMIÑOS DE CULTURA’, CON OPCIÓNS PARA TODOS OS PÚBLICOS E UN AMPLO PERCORRIDO XEOGRÁFICO

Os programas de verán da Consellería de Cultura esténdense a 200 concellos cun total de 627 actuacións

[04/07/2011] O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe as principais citas escénicas e musicais dos programas ‘Camiños de Cultura’ e ‘Galicia é Música’, que se estenden ata finais de setembro por preto de 200 concellos cun total de 627 concertos e funcións de teatro, danza, maxia e novo circo. Segundo explicou o conselleiro, esta intensa carteleira foi deseñada co obxectivo de chegar ao máis amplo número posible de espectadores, utilizando como "valores engadidos" o potencial do período estival como tempo de ocio, así como a celebración de moitos destes espectáculos en recintos ao aire libre.

Imaxe da presentación

Roberto Varela convidou a todos os galegos a participar desta "festa cultural", con opcións para públicos de todas as idades e preferencias artísticas. Destacou, ademais, o absoluto protagonismo galego, de acordo co se ofrecen as últimas propostas dun total de 220 compañías escénicas e grupos musicais, dos que máis dun 97% son galegos. Segundo salientou na súa intervención, a prioridade compartida por ambas programacións é espallar a nosa cultura desde unha dobre perspectiva: "intensiva na actividade e variedade da oferta e extensiva en percorrido xeográfico e nos atractivos de retorno, que incidirán particularmente na dinamización da nosa activa cultura de base", asegurou.

O titular de Cultura estivo acompañado nesta presentación por Camino Triguero, directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Juan Carlos F. Fasero, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidades promotoras destas programacións que a Consellería de Cultura e Turismo desenvolve en colaboración cos concellos participantes.

Ciclo especial do Ano da Música
Algúns dos principais nomes da música galega en estilos como o folk, o jazz, a canción de autor ou o pop-rock, nas súas diferentes variantes, configuran o cartel de ‘Galicia é Música’, un programa que -como explicou Roberto Varela- se incorpora este ano ás redes galegas de espectáculos como unha das "ofertas singulares" da celebración do Ano da Música de Galicia.

Son un total de 63 concertos os que se desenvolverán en 46 concellos galegos ata o vindeiro 23 de setembro. Susana Seivane, The Homes, Quempallou, Cristina Pato, The Blows, Banda Crebinsky, Di Elas, Nordestinas, Budiño, Marful, Roi Casal, Uxía ou Nadadora son algúns dos 41 artistas e grupos que actuarán dentro deste programa, no que figuran así mesmo os catro embaixadores do Ano da Música: Berrogüetto, Mercedes Peón, Luar na Lubre e Xoel López.

O conselleiro de Cultura sinalou que este novo programa foi deseñado de xeito que se garante tanto a "promoción da variedade de estilos musicais que actualmente se desenvolven en Galicia", como a descentralización territorial que "salvagarda o acceso de todos os galegos e galegas á mellor música en vivo".

Estabilidade da oferta cultural
Ambas son prioridades compartidas co circuíto ‘Camiños de Cultura’, a través do que se impulsa a programación estable en espazos públicos dos concellos, favorecendo a ampliación da súa oferta cultural aos meses de verán e atendendo tamén a unha demanda variada canto a tipos de público e estilos artísticos. A través deste programa, que deu comezo o pasado 1 de xuño e se prolonga ata o 30 de setembro, un total de 163 concellos acollerán 564 citas culturais, das que 241 son representacións de teatro e danza, 128 concertos, 116 funcións de maxia e 79 de novo circo.

Nesta caso, a programación está protagonizada por 162 formacións artísticas, todas elas galegas, e conta cun orzamento total de 800.000 euros, do que a Consellería de Cultura achega un 55%, mentres que o resto corresponde aos concellos implicados.

Tanto en ‘Galicia é Música’ como en ‘Camiños de Cultura’ foron os propios concellos os encargados de seleccionar as compañías, grupos e solistas participantes a partir das numerosas propostas recibidas nas respectivas convocatorias abertas pola Consellería de Cultura e Turismo.

Canles de distribución
A estas dúas programacións estivais súmanse, ademais, os 146 concertos e funcións que se celebran entre xullo e setembro no marco das tres canles de distribución de espectáculos que promove a Agadic durante todo o ano -Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo-, configurando deste xeito a máis ampla oferta escénico-musical deste verán en Galicia.

Documentación