Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 50 ALUMNOS ASISTIRÁN AOS DOUS CURSOS QUE TERÁN LUGAR NA CIDADE DA CULTURA DO 11 AO 21 DE XULLO

A Agadic ofrece formación en web 2.0 e redes sociais a profesionais das industrias culturais galegas

[09/07/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ofrece un programa de dous cursos de formación sobre contidos da web 2.0 e redes sociais, especialmente destinados a traballadores das industrias culturais galegas. Nos dous encontros, que se desenvolverán co patrocinio do Fondo Social Europeo do 11 ao 21 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia, participarán como relatores cinco especialistas nestas materias; e como alumnos 50 profesionais procedentes dos ámbitos escénico, musical e audiovisual.

Os cursos están enfocados a mellorar as capacidades e habilidades do persoal destas empresas, sobre todo das áreas de comunicación e marketing, fomentando a aplicación das últimas tecnoloxías e todas as oportunidades que abren as novas formas de relación mediante redes sociais. A través dunha metodoloxía eminentemente práctica, os obxectivos xerais pasan por incorporar as estratexias en liña á comunicación de cada empresa, mellorar os coñecementos e usos na publicación de contidos e fomentar a autonomía no mantemento das webs para xestionar as mesmas cun xestor de código aberto e de libre distribución. Os conceptos tratados ilustraranse con casos de éxito e disporase dun servidor web que seguirá activo despois de rematadas as clases.

O primeiro dos cursos, que leva por título "O posicionamento e a xestión de contidos web", versará sobre as posibilidades dos sitios como elementos de marketing en liña, así como conceptos básicos para a publicación en internet e a optimización do posicionamento na rede. Como mestres exercerán Manuel Veloso e Christian D. v. Eitzen, expertos en TICs e desenvolvemento web, que impartirán 20 horas lectivas presenciais durante as tardes dos días 11, 12, 18 e 19 de xullo e titorizarán outras tantas horas de formación a distancia.

Plan de comunicación en liña
No segundo curso, que terá lugar baixo o mesmo esquema horario ca o anterior pero os días 13, 14, 20 e 21 de xullo, abordaranse catro bloques de contidos unidos baixo o epígrafe "Plan de comunicación en liña e redes sociais". Conceptos como o e-commerce, o crowdsourcing, a realidade aumentada, 3D, as ferramentas 2.0, a identidade dixital, ou a figura do community manager serán parte da aprendizaxe neste encontro formativo, que tamén tratará a construción de relacións e a transmisión de publicidade a través das distintas redes sociais (Facebook, Twitter, Linkedin, Slideshare, Flickr, YouTube e Foursquare). Como relatores participarán Alberto Lázaro, especialista en marketing dixital, Fuencisla Cid, dircom e consultora de comunicación, e Miguel del Fresno, director de QUOR 2.0, empresa adicada á investigación, monitorización e xestión da reputación en liña.

Documentación