Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AGADIC E CONSELLO DA CULTURA GALEGA PATROCINAN A REALIZACIÓN DE 4 FUNCIÓNS DO ESPECTÁCULO CREADO A PARTIR DO LIBRO DE NEIRA VILAS

Galicia participa por vez primeira no FESTLIP de Río de Xaneiro con "Memoria das memorias dun neno labrego" de Cándido Pazó

[14/07/2011] A escena galega amosarase por vez primeira no Festival de Teatro en Língua Portuguesa (FESTLIP) de Río de Xaneiro mediante 4 funcións do espectáculo Memoria das memorias dun neno labrego, un monólogo escénico-narrativo co que Cándido Pazó rende homenaxe ao libro de Xosé Neira Vilas no 50 aniversario da súa primeira publicación. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega (CCG) copatrocinan a presenza da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas con esta montaxe na cuarta edición deste importante encontro tearal que se desenvolve do 20 ao 30 de xullo na cidade brasileira.

Imaxe do espectáculo

O espectáculo, dirixido e interpretado polo propio Pazó, onde ofrecerá un total de 4 representacións en distintos escenarios do FESTLIP, concretamente os días 23 e 24 no Teatro Municipal Carlos Gomes e os días 30 e 31 no Teatro Ziembinski. A proposta galega súmase deste xeito á ducia de montaxes procedentes de Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Brasil que integran unha carteleira de máis de 40 escenificacións. O Festival, destinado fundamentalmente a promover o intercambio teatral entre países de lingua portuguesa, presenta unha intensa programación que se completa con mesas de traballo e debate, unha exposición fotográfica, concertos e unha mostra gourmet.

Libro clave
Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, foi publicado en Bos Aires en 1961 e é considerado hoxe un dos libros clave da literatura galega, así como o máis editado, lido e traducido. Para conmemorar este cincuentenario, a compañía Abrapalabra produciu un espectáculo emotivo e divertido, que se serve da experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista cómico. Así, Pazó realiza a adaptación dramatúrxica, escribe textos complementarios, dirixe e interpreta a peza en solitario.

A montaxe presenta unha compoñente híbrida, o que leva ao seu creador a definila como "teatro contado ou conto teatralizado". Neste sentido, en Memoria das memorias dun neno labrego advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral.

Goza, ademais, dun grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación -asinado por Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé" que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén a súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.

Memoria das Memorias dun neno labrego parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para falar das sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores. Lectores que, pertencentes a varias xeracións, forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade.