AGADIC

Centro Dramático Galego


Aviso

Aberta a convocatoria para o programa "Os segredos do Salón Teatro" de visitas en liña para colexios e institutos

[2020-11-26 18:31:00] Aberta a convocatoria para o programa do CDG Os segredos do Salón Teatro. Visitas en liña ao corazón do teatro, dirixido a centros educativos de Primaria e de Secundaria de toda Galicia. Con motivo da conmemoración do centenario do Salón Teatro, edificio no que ten a súa sede, a compañía pública retoma as súas actividades escolares, adaptándoas á actual situación sanitaria para o seu desenvolvemento de xeito virtual.

Esta proposta está aberta a todos os centros interesados en participar durante o actual curso escolar. A actividade desenvolverase os mércores, cunha duración máxima estimada de 45 minutos.

As solicitudes para participar poden remitirse ao correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

Visita virtual

A través dela, os estudantes terán a oportunidade de descubrir que se agocha tras o pano do Salón Teatro, nun percorrido virtual e guiado polo escenario, o peite, os camerinos, a xastrería, a cabina de control e demais espazos que non adoitan abrirse ao público. Buscarase, ademais, a interactividade co alumado para lles dar resposta a todas as curiosidades que poidan xurdir ao respecto do funcionamento dun teatro, a produción dun espectáculo ou os diferentes oficios nel implicados.

Ao tempo, coñecerán de primeira man a evolución experimentada polo edificio nestes 100 anos de vida e, especialmente, tras a súa rehabilitación pola Xunta de Galicia para recuperalo como espazo escénico en 1999. Con tal motivo, ofrecerase tamén unha aproximación á historia do teatro profesional galego, da que o Centro Dramático Galego é parte fundamental, lembrando espectáculos, compañías e grandes intérpretes que se subiron ás táboas do Salón Teatro nos últimos vinte anos.

Outro dos obxectivos deste programa é poñer en valor as numerosas profesións artísticas e técnicas que forman parte do ámbito teatral (dirección, interpretación, escenografía, iluminación, son, tremoia, rexedoría, vestiario, produción etc.), incidindo na necesidade de rachar cos roles e cos estereotipos de xénero.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal