AGADIC

Centro Dramático Galego


CHÉVERE: Helen Keller, a muller marabilla?

ESTREA

Dramaturxia e dirección: Xron
Elenco: Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez, Chusa Pérez

Nos últimos quince anos Chévere fixo unha serie de pezas que cuestionaron as narrativas oficiais sobre o imperio Zara de Amancio Ortega (Citizen), sobre a crise financeira (Eurozone), sobre a globalización (Eroski Paraíso), sobre a insubmisión do mundo rural (As Fillas Bravas), sobre a unidade nacional, a liberdade de expresión e a España baleirada (Curva España) ou sobre a cultura do petróleo (N.E.V.E.R.M.O.R.E.). Sempre a través de historias locais nas que se cruzan a memoria colectiva e a experiencia persoal.

Agora Chévere traballa nun proxecto que vai modificar algunhas das chaves do seu traballo, tratando de cuestionar o seu propio modus operandi para seguir desbordando os límites e as estratexias das prácticas actuais de teatro documento. Para fuxir do ensimismamento. Para non saír na foto. Para non perder o costume de seguir buscando. Un proxecto que se afasta das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero que mantén o interese por narrar desde as zonas de fricción entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, mantendo a metodoloxía de traballo e as tácticas de creación.

Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que se sabe, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.

Isto desencadea a curiosidade necesaria para compartir a historia co público. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?

Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?

Este tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso intégrase na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos.


Idea orixinal: Chusa Pérez
Creación: Chévere
Dramaturxia e dirección: Xron
Elenco: Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez, Chusa Pérez
Axudantía de dirección: Borja Fernández
IIuminación: Fidel Vázquez
Espazo audiovisual: Lucía Estévez
Asesoramento e apoio en inclusión: Chusa Pérez
Asesoramento en lingua de signos: Ramón Costoya Lens
Produción, administración: Inés Portela
Produción executiva: Patricia de Lorenzo
Comunicación: Xana García
Distribución: Carlos M. Carbonell/Crémilo

Unha coproducción de Chévere, Centro Dramático Nacional e Teatre Lliure.
Con apoio de Agadic-Xunta de Galicia.
Colabora: Centro Dramático Galego, Concello de Ames, ONCE, Sala Ártika.

Duración estimada: 80-90 minutos
Espectáculo en lingua de signos (LSE) e lingua falada (galego) con texto proxectados en galego.
Todas as funcións contarán con audiodescrición.



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal