AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas


A Consellería de Cultura e Educación presenta en Narón o espectáculo do CDG "O profesional" na recta final da súa xira

[12/12/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase este sábado 15 ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Narón con O profesional, o seu último espectáculo. A compañía pública entra así na recta final da xira que está a desenvolver con esta adaptación da obra de Dusan Kovacevic, dirixida por Manuel Guede Oliva e realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga.

O profesional

Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel dan vida aos personaxes deste drama político e policial na que é primeira versión galega da peza do dramaturgo serbio. O equilibrio entre a traxedia e a comedia é unha das principais características deste texto, ambientado no Belgrado de 1990, que a compañía pública galega leva a escena no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da Guerra dos Balcáns.

Acción nun só acto
A historia de O profesional sitúase dez anos despois da morte do mariscal Tito e trala renuncia do Partido Comunista ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas horas durante as que Teodor Teja Kraj (Miguel Pernas), un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban (Ernesto Chao), ex-policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos.

Durante o seu intenso encontro, a súa relación exporase como unha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Equipo artístico
Forman parte do equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Manuel Guede á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que Guede dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

Fin de xira
A de Narón será a penúltima función de O profesional, que pechará a súa xira o vindeiro 23 de decembro en Ribadeo. Tras concluír o seu percorrido, iniciado o pasado mes de outubro despois da súa estadía no Salón Teatro de Santiago, o espectáculo terá ofrecido unha trintena de funcións en 12 escenarios galegos e portugueses.

O horario de despacho de billetes do Pazo da Cultura naronés é de 10.00 a 13.30 horas e de 18.00 a 20.00 h. Ademais, tamén está dispoñible a reserva de localidades a través do teléfono 981 102 897.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal