AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE REALIZADA CON MARIONETAS DE FÍOS E ACTORES CELEBRA 25 ANOS DE REPRESENTACIÓNS

Cultura e Educación ofrece este domingo no Salón Teatro una dobre función de "Titiricircus" a cargo da compañía Tanxarina

[20/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este domingo, dentro programación especial de Nadal do Salón Teatro de Santiago, dúas funcións do espectáculo Titiricircus a cargo da compañía Tanxarina, que terán lugar ás 12:00 e ás 18:00 horas.

Detalle do cartaz

Integrada na actualidade por Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez Río, Tanxarina é unha das formacións galegas máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres. Con sede na localidade pontevedresa de Redondela, celebra en 2012 o vixésimo quinto aniversario de Titiricircus, espectáculo que leva acumulado desde a súa estrea en 1988 máis dun milleiro de representacións e mantense aínda nos escenarios a petición do público, o que lle confire a marca de ser a obra máis lonxeva do teatro galego.

Actores e marionetas de fíos
En Titiricircus, Tatán e Miguel Borines dan vida a dous traballadores do que outrora fora un gran circo de carpa alta e bicolor, que empregan as marionetas de fíos para lembrar as glorias do seu pasado na pista.

A relación escénica entre títeres e actores é un dos sinais de identidade da compañía, que adoita combinar nos seus espectáculos distintas técnicas de animación de bonecos co traballo actoral dos propios manipuladores.

O espectáculo sitúase a partir da época na que o circo era o maior espectáculo do mundo, cando, un día, as cousas tórcense. Uns artistas marchan, outros vagan tristes e o camión xa non roda: o circo está na ruína. Nace entón Titiricircus, un circo titiriteiro onde dous traballadores daquela fábrica de soños lembran os seus éxitos.

Interactuando co público, estes veteranos artistas circenses van sacando a escena os números máis importantes que ofrecía aquel circo xa desaparecido: o home máis forte da península Ibérica, o encantador da serpe Josefina, o malabarista máis bailarín ou o equilibrista do monociclo.

María Fumaça e Trogloditas
A seguinte cita deste programa terá lugar o xoves 27 da man do espectáculo musical que nace a partir do libro-disco-dvd María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis feliz, editado por Galaxia. Recoñecidos nomes da música e o teatro galegos como Uxía, Magín Blanco, Sergio Tannus, Serginho Sales, Carlos Blanco, Isaac Palacín e Tanxarina, entre outros, uníronse para interpretar os máis de vinte temas do disco e xuntos desenvolven, así mesmo, a súa versión escénica como celebración da alegría de vivir. A música, a luz e as situacións cómicas teñen un gran protagonismo neste espectáculo, no que o público participa moi activamente cantando e bailando as sinxelas coreografías e temas de María Fumaça.

Tanxarina Títeres regresará ao Salón Teatro o domingo 30 de decembro para despedir o ano con dúas funcións de Trogloditas, espectáculo ambientado na prehistoria e no que os seus tres intérpretes -Miguel Borines, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán e Andrés Giráldez- convidan aos asistentes a coñeceren, a través do humor e dos monicreques, o xeito de vida dos homes e mulleres das cavernas.

As entradas para as funcións desta carteleira de Nadal no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) estarán só á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre todos os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Establécese para todos os casos un prezo especial único de 5 euros por localidade.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal