AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DO 5 AO 8 DE DECEMBRO NO SALÓN TEATRO E NO TEATRO PRINCIPAL DE SANTIAGO

O Festival Agustín Magán ofrece unha nova mostra do teatro amador galego a través dos espectáculos de seis grupos

[25/11/2015] O Festival Agustín Magán regresa un ano máis a Santiago de Compostela cunha mostra do teatro amador que se vén realizando en Galicia. Entre os días 5 e 8 de decembro, o Teatro Principal e o Salón Teatro acollerán as obras finalistas da décimo cuarta edición do festival, promovido pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Santiago de Compostela.

Presentación Agustín Magán

O cartel deste ano, conformado por seis espectáculos doutras tantas compañías, foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director da Agadic, Jacobo Sutil; e pola directiva da Fegatea, representada pola presidenta e pola vicepresidenta, Chelo Pampillón e María José García, respectivamente.

A programación desta nova edición inclúe espectáculos de diferentes xéneros e estilos, a cargo dos grupos Hipócrita Teatro, Teatro no Aramio, Gargallada Teatro, Nova Escena Teatro, Axóuxere Teatro e Marañao Teatro, que amosarán a constante evolución do teatro afeccionado galego e da súa capacidade de innovación.

Programación
O día 5, ás 19:00 horas, o grupo Hipócrita Teatro achegará Lucus Augusti ao Teatro Principal coa súa obra ‘Emperador, que pensas? Fala!’, dirixida por Carlos Rebolo, unha comedia de enredo para todos os públicos con reminiscencias plautinas ambientada na época romana. Ese mesmo día, ás 21:00 horas, o Salón Teatro acollerá a montaxe de Teatro no Aramio ‘Ulrike no deserto’, dirixida por Fran Godón, un drama político para público adulto que trasladará o espectador ao ambiente de represión da República Federal Alemá dos anos 70.

O 6 de novembro, ás 19:00 horas, o escenario do Teatro Principal converterase na ‘Estación sombrío’ e será testemuña da homenaxe que o grupo Gargallada Teatro quere renderlle a Paco González con esta obra para todos os públicos na que Gabriel Prada adopta o seu clown e a máscara de "Familie Floez". A continuación, ás 21:00 horas, o grupo de teatro Nova Escena, dirixido por Xoán Carlos Laxe, levará ao Salón Teatro o espectáculo para público adulto ‘In Pacem’, un velorio en clave de comedia no que os asistentes descubrirán que o finado, un respectado membro da comunidade, talvez non era tan respectable.

O día 7, no Salón Teatro, ás 21:00 horas, a compañía Axóuxere, dirixida por Alejandro Albaiceta, demostrará que a tenrura pode coas armas porque os sentimentos son sempre a mellor arma, coa peza para público adulto ‘A túa tenrura, molotov’.

Finalmente, o XIV Festival Agustín Magán remata o día 8 con Marañao Teatro, que porá en escena no Teatro Principal, ás 19:00 horas, ‘Inmortal’, unha revisión contemporánea do mito de Drácula dirixida por Fernando González. O espectáculo, para público adulto, poralle o ramo á décimo cuarta edición do festival e tamén clausurará o ano no que Fegatea celebra o seu décimo quinto aniversario.

As entradas para cada un dos espectáculos poderán adquirirse a 4 euros nas billeteiras do Salón Teatro e do Teatro Principal, con opción a bonos de 12 euros para catro funcións.

Apoio ao teatro amador galego
Ao longo dos seus 15 anos de historia, a federación foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan o desenvolvemento da cultura teatral e a evolución, innovación e crecemento da propia federación. Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro, creando unha programación teatral estable no territorio galego; e tamén traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais.

Para contribuír con estes obxectivos, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, co actividade desenvolvida por Fegatea nos últimos anos, que inclúe actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro Amador e os festivais organizados ao abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal