AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DESENVOLVERASE EN BRAGA OS DÍAS 13 E 14 DE MAIO

A Universidade do Minho e a Companhia de Teatro de Braga conmemoran os 20 anos de Teatragal

[10/05/2016] No ano en que celebra o seu 40º aniversario, o Instituto de Letras e Ciencias Humanas (ILCH) da Universidade do Minho está a conmemorar a efeméride cun amplo programa, dirixido á comunidade académica e ao público xeral co tema dos ‘Camiños’ como eixo temático.

20 anos teatragal

Entre as interseccións científicas, artísticas e culturais que tiveron lugar durante estas catro décadas, a relación entre Galicia e Portugal ocupa un importante lugar na actividade académica e cultural do ILCH. Por tal motivo, este programa deterase tamén no proceso de diálogo que durante este período mantiveron o teatro portugués e mailo galego a través dun encontro que se desenvolverá os días 13 e 14 de maio en Braga.

Ao fío das importantes iniciativas conxuntas que se teñen levado a cabo en escenarios lusos e galegos, esta iniciativa pretende avaliar os desafíos, resistencias, oportunidades e limitacións da actividade teatral, desde a perspectiva dos vinte transcorridos desde a iniciativa ‘Teatragal’, que reuniu axentes do sector escénico de ambos lados do Miño para discutir, parar proxectar e para soñar un teatro que fose máis robusto, unindo esforzos de aquí e de acolá.

Balance do diálogo entre o teatro galego e o portugués
O encontro ‘20 anos de Teatragal’ está organizado en parcería coa Companhia de Teatro de Braga, que este ano celebra tamén o seu 35º aniversario, e co apoio do Conselho Cultural e Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. O obxectivo é facer un balance conxunto dos ‘Camiños’ ata aquí percorridos xunto cos axentes implicados no pasado e no momento actual.

Destacados profesionais das escenas galega e portuguesa participarán nas diferentes mesas redondas que se desenvolverán o día 13 na Casa Museu Nogueira da Silva e o 14 na sala nobre da universidade do Minho. A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, intervirá no último destes coloquios, que terá lugar o 14 de maio, ás 16.00 horas, no salón nobre da Universidade do Minho. Baixo o título ‘Creación dramática e interpretación’, nela intervirán tamén o dramaturgo e director portugués Abel Neves, o director da Companhia de Teatro de Almada, Rodrigo Francisco; o dramaturgo, director e anterior responsable do CDG, Manuel Guede Oliva, e a actriz e profesora de teatro Elsa Valentim.

’20 anos de Teatragal’ ofrecerá tamén a representación o día 13 de ‘A canoa’, versión portuguesa da obra ‘A piragua’, de Cándido Pazó’, que o propio autor dirixiu para a compañía A Escola da Noite.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal