AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ANUNCIOUSE COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O Centro Dramático Galego coproducirá coa compañía Xerpo a montaxe teatral de 'Bailar no ceo', texto gañador da II Bolsa de Dramaturxia e Creación

[27/03/2023] A compañía Xerpo é a gañadora da segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación, desenvolvida pola Xunta de Galicia coa colaboración de diversos colectivos do sector cultural galegos, de acordo coa que coproducirá co Centro Dramático Galego o texto 'Bailar no ceo', escrito por Ana Abad de Larriva como vencedora da primeira fase desta mesma iniciativa.

Momento da entrega do Premio

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo pública a resolución coa que se completa a segunda edición desta Bolsa de Dramaturxia e Creación, impulsada pola compañía pública galega co fin de ofrecer un acompañamento integral a unha peza teatral, desde a propia escrita ata a súa produción e posterior distribución. O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e o profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Ricardo Solveira, en representación da comisión de selección, participaron tamén neste acto, no que se lle fixo entrega a Xerpo do trofeo acreditativo da adxudicación.

Historia duns pioneiros galegos
A compañía do Porriño recibirá unha achega de 12.000 euros para materializar, no prazo dun ano, un espectáculo teatral a partir de 'Bailar no ceo'. A historia de José Piñeiro, primeiro aviador galego e moi famoso polas súas arriscadas acrobacias aéreas, e Chichana Patiño, primeira muller en pilotar un avión en España e probablemente en Europa, inspira o texto de Ana Abad de Larriva, cunha temática atractiva e innovadora que permite a recuperación de figuras históricas e potencia a lembranza de mulleres pioneiras en distintos campos.

No proxecto seleccionado para levalo ás táboas, Xerpo presenta unha proposta multidisciplinar baixo a dirección de Irene Moreira, que combina teatro, pintura en directo, canto e deseño de trebellos a partir das interpretacións de Cora Velasco como Chichana, Álex Sobrino como Piñeiro e a propia Ana Abad de Larriva, quen compartirá co público os seus sentimentos e sensacións ao ver os seus pensamentos materializados en escena. Pola súa banda, a escenografía estará asinada por Beatriz de Vega e os audiovisuais correrán a cargo do artista multidisciplinar Roi Fernández, quen filmará tamén un documental a partir deste proxecto.

Con 'Bailar no ceo', que ten previsto o inicio dos ensaios en agosto, Xerpo continuará afondando na súa liña de traballo arredor das novas dramaturxias e as novas tendencias escénicas tanto cos seus espectáculos propios como co labor de programación que desenvolveu ata 2020 á fronte da Sala Ingrávida do Porriño.
A súa traxectoria comezaba en 2008 con 'Salpicados', de Irene Moreira, unha obra moi persoal que define o gusto estético da compañía. Seguíronlle, entre outros títulos, 'Mac… Yes, we can!', 'Antibióticos', 'Morgue', 'MetamorfoseS' ou 'Casquería e outras vísceras', coa que apostan ademais polo emprego de elementos tecnolóxicos para dar vida, risco e outros significados escénicos aos seus espectáculos.

'Bailar no ceo' tomará o testemuño de 'Relato para un incendio', espectáculo de aAntena a partir do texto homónimo co que Ernesto Is conseguiu a Bolsa de Dramaturxia na súa primeira edición. Incorpórase, así mesmo, á relación de compañías coas que o Centro Dramático Galego está a desenvolver unha intensa actividade de coprodución, que compaxina co seu programa de producións propias.

Dentro deste último e coincidindo coa semana na que se celebra o Día Mundial do Teatro, a compañía da Xunta de Galicia simultaneará a posta en escena de dous dos seus espectáculos coa estrea este venres 31 no Salón Teatro de Santiago de 'Un hotel de primeira sobre o río', a partir da obra de Xohana Torres, e as últimas cinco funcións de 'Shakespeare en Roma' no Pazo de Fonseca.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal