AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

COMEZAN HOXE NO SALÓN TEATRO, ONDE SE DESENVOLVERÁN ATA O 1 DE SETEMBRO

O Centro Dramático Galego congrega máis de 80 intérpretes nas audicións para o espectáculo do seu 40º aniversario

[21/08/2023] Máis de 80 intérpretes danse cita desde hoxe e ata o 1 de setembro nas audicións que o Centro Dramático Galego desenvolve na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, para elixir as 20 actrices e actores que levarán a escena o espectáculo co que a compañía da Xunta de Galicia conmemorará o seu 40º aniversario.

Audicións CDG

Iníciase así a segunda fase deste proceso de selección, do que sairán os integrantes do que será un dos elencos máis numerosos nestes case 40 anos de historia da unidade de produción teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os participantes foron convocados en sucesivas quendas horarias ao longo de 11 días para desenvolver diferentes probas de interpretación a partir dos textos propostos polo tribunal.

Tamara Canosa será a directora artística desta montaxe, con estrea prevista en abril de 2024, que xogará coas premisas dos chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das temáticas que se abordarán a partir deste fío condutor.

Proxecto europeo
Ademais, esta nova produción explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolven ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, que ten como finalidade a posta en valor das linguas minoritarias europeas a través do teatro. Nel, ademais do Centro Dramático Galego, participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e Países Baixos.

Este espectáculo será a produción central dun ano que arrancará coa recuperación da montaxe Terceiro acto, que poderá verse no Salón Teatro en xaneiro e ten prevista xira para o segundo semestre de 2024. A compañía pública continuará, así mesmo, coa súa labor a prol da accesibilidade e da descentralización da súa actividade anual. Esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal