AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

UN ELENCO DE 20 INTÉRPRETES TRABALLA XA BAIXO A DIRECCIÓN ARTÍSTICA DE TAMARA CANOSA

Arrancan os ensaios de 'Os actos e as profecías', produción central do noso 40º aniversario

[13/12/2023] O equipo artístico de Os actos e as profecías, o próximo espectáculo do Centro Dramático Galego, iniciou esta semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela a primeira quenda de ensaios cara á estrea en abril de 2024 da que será a produción central na celebración do 40º aniversario da compañía da Xunta de Galicia. Alí recibiu a visita do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para coñecer de primeira man as impresións destas primeiras xornadas de traballo conxunto baixo a dirección artística de Tamara Canosa, quen asina tamén a dramaturxia desta proposta xunto a Xacio Baño.

Equipo Os actos e as profecías

Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro "Cou", Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal son os 20 nomes do elenco, un dos máis numerosos dos contratados pola compañía pública galega nos seus case 40 anos de historia, que foi seleccionado tras as audicións celebradas o pasado verán coa participación de máis de 80 intérpretes de toda Galicia.

Forman parte tamén do equipo de Os actos e as profecías Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay á fronte do deseño do vestiario e a caracterización; Rut Balbís, do movemento; José Faro, da iluminación canda Iván Núñez e do espazo escénico; Xosé Lois Romero, do espazo sonoro, e Laura Míguez no acompañamento a Tamara Canosa nos labores de dirección.

Con todas as súas achegas, o Centro Dramático Galego está a preparar un espectáculo que ten como fío condutor os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A partir del, abórdanse temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio.

Ademais de se presentar como o espectáculo principal do ano 2024 da unidade de produción teatral da Xunta, Os actos e as profecías é unha das propostas resultantes do proxecto europeo Phone para a posta en valor tanto da diversidade lingüística europea como das linguas minoritarias a través do teatro. Nel, ademais do Centro Dramático Galego, participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a entidades escénicas doutros sete países.

Novas vías creativas
No marco desta iniciativa, Tamara Canosa e Xacio Baño tiveron a oportunidade de explorar novas vías creativas a través do intercambio cos responsables doutros dos espectáculos xestados ao abeiro de Phōnē como os que están a desenvolver o Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr Piba (Bretaña/Francia) e Kvääniteatteri (Noruega). Deste xeito, xunto co galego, están representados neste proxecto europeo o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.
O nexo común de todas as montaxes ten que ver co emprego de métodos de escrita biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional, ademais da aposta por novos formatos escénicos e a aplicación de novas tecnoloxías e ferramentas dixitais.

A celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego incluirá tamén a coprodución con Teatro Ó Cubo do espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, proposta de pequeno formato que percorrerá unha manchea de concellos de Galicia, así como a recuperación no segundo semestre do ano da montaxe Terceiro acto, cuxos intérpretes son historia viva do teatro profesional galego. En 2024, a compañía pública continuará, así mesmo, coa súa labor a prol da accesibilidade e da descentralización da súa actividade anual.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal